PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
Falar 'castinglego'
 08.02.2010 | 10:44

Entre Galicias bilingües, bífidas e redobres de tambor, entre as manifestacións e as xuntanzas de gravata e traxe a medida, entre a distracción do renting e o lising, entre baltaríns e baltarazos, entre política lingüística e complexo lingüístico... entre tanto ruído, penso: é posíbel que en San Caetano descoñezan que existen xeracións de mozos e mozas formados no 50/50 que non saben falar galego?

Rapaces e rapazas que non o fan por ningún tipo de prexuizo senón porque, sinxelamente, nun contorno no que todos os elementos socializadores están en castelán (videoxogos, radio, televisión, música, cine, revistas, publicidade, xornáis, etc...) un ten máis que garantido a aprendizaxe deste. Pero co galego o conto é outro.

Eu teño amigos que non saben falalo. De verdade, existen. Enténdeno, sí, pero non son capaces de falalo. Educados nun contorno castelanfalante, o contacto que tiveron co idioma na escola serviulles para comprendelo, pero as competencias verbais e escritas son moi deficientes. E falamos dunha educación 50/50. Imaxinemos as consecuencias dunha algarabía de consultas tendenciosas que trasladan competencias estratéxicas ao eido doméstico. Imaxinemos a xeración produto de retorcer a natureza das responsabilidades do Goberno en materia educativa. Imaxinemos, por un momento, qué falará unha xeración a que se lle di que para ser profesor non é imprescindíbel falar galego, pero para ser porteiro de discoteca si.

Unha xeración desconcertada e inconclusa lingüísticamente que no mellor dos casos non dominará nin unha nin outra, e no peor sepultará a propia. Carlos Sante e Xaquín Domínguez de San&San inventaron un idioma: o castinglego. Unha fusión entre castelán, inglés e galego ben traída que vén dicirnos, con humor, que isto de ir e vir fai que non vaiamos a bo sitio.

Iso de retroceder no consensuado, de remexer nas filias e fobias particulares só servirá para ter unha lexión de nenos e nenas inxustamente orientados ao descoñecemento do seu patrimonio cultural porque, sexamos claros, aquilo de David e Goliat non vale para a xeración Tuenti.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río