PUBLICIDADE
Venres, 19 de marzo de 2010
Xurxo
Martínez Crespo
Manuela Velo, in memoriam
 05.02.2010 | 19:31

Manuela Velo Pérez (Celanova 1939 – Caracas 2009), filla do militante nacionalista galego Xosé Velo Mosquera, morreu en Caracas en setembro de 2009. A súa vida, e a dos seus dous irmáns, Lino (1936-2008) e Víctor (1944), así como a da súa nai, Jovita Pérez, están marcadas pola loita política do pai contra a ditadura franquista.

O pai de Mnauela chega a Venezuela en 1948 a través de Portugal e por mediación do presidente Rómulo Gallegos. Jovita e os tres nenos chegan en 1949, do mesmo xeito, por Portugal.

A derradeira foto de Manuela en Galiza, cos seus avós maternos, na fronteira galaico-portuguesa, cos seus dous irmás, a súa nai, o chófer e un policia de paisano, valen máis ca mil palabras para entender o arrepío do exilio.

Xosé Velo foi fundador do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) e un dos dous secretarios xerais, o outro era o portugués Humberto Delgado. Xunto a patriotas antifascistas galegos e portugueses, o comandante Soutomaior e Henrique Galvão, Velo secuestra en 1961 o barco de pasaxeiros portugués Santa Maria coa intención de alzar a colonias africanas en armas contra a ditadura de Salazar, primeiro, e a de Franco despois.

O asilo político concedido polo presidente brasileiro Jânio Quadros, 1961, dividirá á familia Velo en dúas partes para sempre. En Caracas Lino, Manuela e Jovita (até 1964 que marcha ao carón do seu home) e no Brasil Xosé e Víctor que estudará Física Nuclear e no que ficará para sempre.

A marcha de Jovita ao Brasil en 1964 determinará constantes viaxes entre Caracas e São Paulo de Manuela e Lino.

Xosé Velo morre no exilio brasileiro o 31 de xaneiro de 1972. A súa viuva, Jovita, volta a Venezuela e vivirá indistintamente na súa casa, na do seu fillo Lino, até a súa morte, e agora na de Manuela.

Manuela foi cantante lirica. Profesora de canto na Schola Cantorum de Caracas e no Instituto Universitario de Estudios Musicales de Venezuela.

Estivo, doutravolta na Galiza, na homenaxe na honra do seu pai do Concello de Celanova en 1996, homenaxe na que se bautizou unha rúa co nome de Pepe Velo.

Os máis de 90 anos da súa nai Jovita fixo que dedicara gran parte do seu tempo na súa atención e coidado.

Unha alumna de Manuela asegurara que “Tiña o riso fácil e o corazón xeneroso”. A historia do noso exilio aliméntase destes esquecementos, dos fillos dos expatriados aos que todas as palabras do mundo serían poucas para pedir perdón por telos esquecido. Galiza perdeu e outros gañaron coa súa chegada e a súa semente.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río