Redacción . Betagarri, unha das bandas de rock ska máis consolidadas e influentes da escena vasca, comeza esta noite en Compostela unha xira de presentación do seu último traballo 'Bizitzari Txistuka' (Asubiándolle á vida). Mañá actuarán en Vigo, na Sala Mondo Club.
Tres anos despois da publicación do seu último traballo, Hamaika Gara, o grupo Betagarri presenta un novo disco no que o ska se converte na nota dominante. Se até o de agora o grupo rexeitaba a etiqueta de banda ska que a crítica lle ten colgado, desta vez recoñecen que esta definición se achega á realidade.
Betagarri
Habituais dos escenario galegos, Betagarri achégase desta vez a Galiza co que dan en cualificar o seu disco "máis maduro", composto por 14 temas nos que se mesturan os ventos, a festa, as voces e o ritmo ska. A sala compostelá Capitol converterase esta noite na primeira parada dunha xira que os levará a Vigo o 6 de febreiro.
Con máis de 16 anos sobre as táboas, Betagarri converteuse nun dos grupos máis destacados da escena ska-rock estatal. Dende o seu primeiro disco desenvolven unha actividade intensa tanto na península como a nivel europeo.
Descargar Tarifas