Redacción . Os españois adicaron a ver a televisión no pasado mes de xaneiro 261 minutos ao día. Un total de 4 horas e 21 minutos, segundo o informe presentado por Barlovento Comunicación con datos de Kantar Media (antiga TNSofres).
Segundo os autores do estudo estas cifras son “históricas”. Dende que Sofres comezara a medir a audiencia das televisións en 1992, xaneiro de 2010 marca un máximo de minutos fronte ao televisor por diante de decembro e xaneiro de 2009, meses nos que se consumiron 251 e 254 minutos respectivamente.
Galiza é unha das comunidades autónomas nas que menos minutos se adicaron en xaneiro ao consumo deste medio de comunicación, con 233 minutos ao día, xunto a Canarios (236) e Asturias (247).
Aragón (291), Andalucía (276) e Valencia (267), son as comunidades nas que máis tempo se adicou á televisión no primeiro mes de 2010.
Perfil do público
Por franxas de idade, o maior consumo televisivo corresponde ás mulleres e maiores de 45 anos.
Os factores meteorolóxicos, como as baixas temperaturas rexistradas no mes de xaneiro, poden ser unha das causas do aumento do consumo de tempo fronte ao televisor, segundo a consultora que redactou este estudo.
O informe tamén revela que a medida que se instaura a TDT aumenta o seu consumo nos fogares do Estado. En xaneiro ese consumo medrou en 3,7 puntos respecto a decembro de 2009, situándose xa cun 56,5 por cento de penetración da TDT nos fogares como media estatal. Pola contra o sistema analóxico rexistrou o seu mínimo mensual cun 21,3 por cento.
Cerca de 22 millóns de persoas, máis do 50 por cento da poboación, contactaron diariamente coa TDT o pasado mes de decembro. Nesta modalidade o consumo medio diario é de 132 minutos, aínda que se se ten en conta só os fogares que xa dispoñen de TDT, a media ascende aos 169 minutos.
Descargar Tarifas