
A semana pasada coñeciamos a nova que atinxía o Badalona, do Grupo III da Segunda División B. Resulta que o club catalán, fundado no 1903, recibiu a reclamación da Sociedade Xeral de Autores e Editores dunha cantidade un pouco superior aos cen euros por partido, se quere facer soar o himno do seu centenario no Camp del Centenari.
Algo similar lle pasa ao Club Balonmano Ciudad Real, ao cal a citada sociedade tamén lle quere cobrar algo menos de cen euros por facer soar música no tempo de lecer nos seus partidos no Quijote Arena.
As solucións de cada un deles son distintas. Os primeiros, deixar de emitir o seu himno centenario. Os segundos, ofrecer a súa megafonía para promover maquetas dos grupos noveis da súa rexión, sen custo algún e beneficio para todos.
E ante esto, eu pregúntome: Que farán cando saiban que nos campos galegos soan dende Bisbal até Rihanna, e dende Los Suaves até Malvela? Tamén procurarán cobrar dereitos de autor alegando que os citados clubs obteñen un beneficio? E aos seareiros que andan polos campos cantando versións de cancións populares, e mesmo parte do repertorio do Cuco de Velle ou O Sonoro Maxín, tamén os intentarán "multar" e acalar? Agardemos que non, porque daquela a festa do fútbol vaise perder por completo, porque aquí a festa está na bancada. Para o verdadeiro seareiro da terceira galega é máis importante o que pasa na cantina do Morrazo ou na bancada do García Calvo, cos piques entre afeccións rivais, que o que ocorre sobre os maltreitos terreos de xogo.
Que sigan soando as caixas e os bombos, coas bandeiras en alto!!!
Descargar Tarifas