
Hai 27 anos o goberno de Felipe González impugnou ante o Tribunal Constitucional a acabada de aprobar Lei de Normalización Lingüística, alentados polo delegado do Goberno e os dirixentes da sucursal galega do PSOE. Varias foron as consecuencias daquela decisión: a máis grave, sen dúbida, o veto á igualdade xurídica plena entre a nosa lingua e o español, ao anular o TC o deber de coñecemento do galego. O que valía para Cataluña ou Euskadi non podía ser tolerado en Galiza. Mais houbo tamén outra que algúns adoitan esquecer: a confirmación do PSdeG como mera sucursal do PSOE estatal carente do máis mínimo sentido de país. Moitos socialistas galegos consecuentes, como Francisco González Amadiós, pasaron entón a militar no BNG.
Hoxe o goberno de Zapatero ameaza con recorrer no Constitucional a nova lei galega de Caixas. O mesmo que en 1983 Madrid non está disposta a tolerar que Galiza conte cun poder financeiro propio comprometido coa economía produtiva e a creación de emprego no noso país. “Iso é intervencionismo!” claman os socialistas. Xusto o día a seguir da elección de Rodrigo Rato como presidente de Cajamadrid –cos votos do PSOE, IU, CCOO e UGT– e de a Comisión ter indicado xuño como prazo límite para acceder aos créditos do FROB, o Consello de Ministros dá os primeiros pasos para impugnar a lei de caixas. Trátase de impedir a súa fusión para PP e PSOE mellor as repartiren entre eles. E a Feixóo acábaselle o tempo: se non quere aparecer como cómplice da operación debe cumprir o mandato do parlamento e presentar xa ante o Constitucional o recurso contra o FROB.
Descargar Tarifas