
Nos países islámicos as mulleres sofren unha represión brutal, condenadas ao encubrimento, o silencio e a ignorancia. Os integristas rexeitan a escolarización das nenas e os talibáns atacan con gases velenosos os colexios. Non lles chega, senón que queren estender a misoxinia aos países occidentais onde emigran, e crear en Europa sociedades paralelas. En París acaba de ser agredida, primeiro verbal, e logo fisicamente, unha autora dramática, Rayhana, de orixe alxeriana, a quen, previamente regada con gasolina, lle lanzaron un cigarro aceso á cara. A agresión foi na Maison des Métallos, unha Casa da Cultura da Ville de Paris, onde se representaba, con éxito, a súa obra, onde nove figuras femininas, obxectas de violencia, reunidas nunha tenda en Alxeria, comentan os seus conflitos vitais. Outro exemplo, en Cunit (Tarragona) o imán está acusado de coaccionar, calumniar e ameazar unha inmigrante, procedente de Marrocos, por negarse a pór o velo. Mentres os homes visten coma nós e van á praia en bañador, as mulleres están obrigadas a iren cubertas, agachadas, submisas. Maiormente por medo. Tamén por alienación ou “identidade nacional” confundida coa vexación. Nos últimos anos permitíronlle a igualdade nunha actividade: o terrorismo. Despois de engaiolalas, permítenlles suicidarse cometendo atentados coma heroes. Cómpre liberar as mulleres islámicas, comezando polas que viven no noso país. Teñen dereito aos dereitos que nós conseguimos, pero non a impoñernos un atraso e un fundamentalismo relixioso que a nós custounos anos de loita superar. Nin un paso atrás.
Descargar Tarifas