PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Impacto económico das industrias culturais
A cultura xera un PIB 'maior que o sector naval'

Redacción .  A industria cultural galega xera un PIB e un volume de emprego maior que sectores como o naval ou o químico, segundo un estudo sobre o impacto económico sobre o impacto do sistema produtivo da Cultura realizado por Zona Franca de Vigo e o Consello da Cultura Galega.

Reloxo 04.02.2010 | 17:54

Ramón Villares, presidente do CCG Ramón Villares, presidente do CCG. Otto/AGN

Nesta análise, o primeiro que se fai no país neste ámbito e que analiza o comportamento de 725 empresas no período 2001-2007, destácase que a industria cultural, xa no 2003, xeraba un PIB do 1,9 por cento e que emprega 26.000 persoas. O sector xera o 2,2 por cento dos postos de traballo galegos e, nel, o emprego creceu un 11,6 por cento, mentres que o incremento estatal foi do 2,2 por cento.

A produción de bens e servizos culturais foi o ámbito de maior relevancia no que respecta a ingresos e valor engadido, representando o 48,04 por cento do valor engadido de todo o sistema produtivo da cultura. Dentro del, a industria editorial foi a que alcanzou o maior peso en ingresos, e tamén en emprego e, de feito, representa un terzo do valor engadido total do sector da cultura.

En canto á comparativa realizada entre empresas da cultura e o resto da empresa galega sobre as variábeis de aumento de ingresos e xeración de riqueza, constátase un mellor comportamento nas do ámbito a estudo. De feito, o informe explica que en 2007 este dinamismo experimentado só foi superado por tres sistemas produtivos: industria auxiliar, construción e actividades relacionadas coa saúde.

As principais debilidades están en aspectos como rendibilidade e produtividade, onde os valores son inferiores á media galega. Con todo, durante os últimos anos, nestes aspectos rexistráronse crecementos superiores á media.

Atomización

O informe destaca que se trata dun sistema produtivo fortemente atomizado, formado basicamente por microempresas que xeran ao redor do 2,5 por cento do emprego en Galiza e que, a pesar do seu tamaño, experimentaron crecementos de emprego en todos os anos estudados, así como unha mellora da produtividade do traballo en parámetros parellos aos da empresa galega.

No ámbito territorial, o estudo demostra unha alta concentración da actividade nas comarcas da Coruña, Santiago e Vigo, e un maior dinamismo na zona de Santiago, onde, en xeral, se experimentou unha mellor evolución.

O informe foi presentado hoxe en Vigo, nun acto onde a delegada do Estado na Zona Franca, María Teresa Pisano, destacou a necesidade de aproveitar ao máximo o potencial económico decrecemento deste sector, de forma que, do mesmo xeito que ocorre nos países máis desenvolvidos, as industrias culturais sexan un dos sistemas produtivos que máis acheguen ao PIB.

Pola súa banda, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, destacou que a actividade económica que emana deste ámbito é moi superior ao gasto público en cultura, o que debería despexar certas dúbidas en base a prexuízos, do carácter subvencionado da creación cultural. Así mesmo, incidiu na forza laboral do sector e a súa capacidade para xerar posto de traballo de calidade.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río