PUBLICIDADE
Venres, 19 de marzo de 2010
ONTE ADMITÍA UN CONTRATO URXENTE
Mato contradise e culpa o BNG do contrato a Plexus

Manuel Vilas A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, culpa o ex vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, de que 60 operarios desta compañía, relacionada con varios altos cargos da era Fraga, estean a tramitar expedientes da Lei de Dependencia nas dependencias da Xunta.

Reloxo 04.02.2010 | 15:35

Beatriz Mato en rolda de prensa na sede da Xunta Beatriz Mato en rolda de prensa na sede da Xunta. AGN

Beatriz Mato caeu en varias contradicións ao tentar culpar o BNG da presenza de 60 traballadores de Plexus, unha firma próxima o PP, na Xunta. “Esa empresa foi contratada por un contrato que lle fixo o señor Quintana para o mantemento da aplicación informática”, acusou a conselleira de Traballo o ex-líder do Bloque.

A CIG denunciou ante a Inspección de Traballo de que polo menos sesenta operarios de Plexus están tramitando expedientes da Lei de Dependencia sen que esta firma gañase concurso ningún.

Contratación urxente agora ou contrato do bipartito?

A explicación de Mato desta mañá contradí o alegado polo seu Gabinete onte. Unha nota de prensa de Traballo xustifica a presenza de Plexus nas oficinas públicas por un contrato urxente para "axilizar a tramitación da Lei da Dependencia". "A contratación deste apoio técnico informático, que expirará na primeira quincena de febreiro, fíxose de forma completamente legal, a través dun procedemento amparado pola tramitación de urxencia", recollía o comunicado, que non mencionaba o suposto contrato co bipartita.

Porén, a mandataria, cuestionada pola prensa tras o Consello da Xunta desta mañá insistiu en que "a empresa non foi contratada por nós, xa estaba dentro do sistema”.

A adxudicación do bipartito so pedía 7 traballadores

O DOG recolle un contrato do anterior Goberno a Plexus. O Consorcio de Servizos Sociais, que dependía da Vicepresidencia do Benestar, adxudicoulle a "xestión de incidencias" dos seus sistemas informáticos en abril de de 2009.

Con todo, as funcións dese contrato non coinciden coa tarefa que realizan hoxe os operarios de Plexus nas oficinas públicas. En palabras da propia consellaría, ese labor é "mellorar o programa informático e poder, desta maneira, executar a tramitación dos máis de 6.000 expedientes".

"Non teñen acceso, e no caso de que o tivesen ..."

Ademais, a Xunta recoñeceu, tal e como denunciou a CIG, que son 60 os asalariados obxecto da presunta "cesión ilegal". No contrato co bipartito o Consorcio só require sete especialistas, como se pode comprobar no prego de condicións.

Mato asegurou que, en todo caso, estes operarios privados non están a "manexar datos" confidenciais, como acusou a CIG, que prepara unha denuncia ante a Axencia de Protección de Datos. A conselleira insistiu que "non teñen acceso, e no caso de que o tivesen, teñen as mesmas obrigas" que os funcionarios sobre Lei de Protección de Datos.

A denuncia da CIG responde ao "éxito clamoroso" de Mato

Logo a mandataria pasou á ofensiva criticando a política de persoal do bipartito. Mato di que ten "sobre a mesa" máis de 20 denuncias por cesión ilegal de traballadores co bipartito. Mesmo asegurou que un 20% dos contratos na anterior etapa se fixeron en fraude de lei para favorecer a "afíns a ese sindicato próximo a ese partido", en referencia a CIG e ao BNG.

Na súa opinión, a denuncia da CIG é produto do suposto "éxito clamoroso" da súa xestión da Lei de Dependencia.

O PSOE tamén pide explicacións

O PSOE sumouse hoxe á polémica. O deputado Xosé Manuel Laxe Tuñas acusou a Mato de querer meter "pola porta de atrás" persoas afíns a través do contrato a Plexus. A conselleira asegura que todos os contratados finalizarán a súa tarefa o 15 de febreiro. A CIG pide que se prescinda deles, e que a consellaría tire das listas das oposicións.

Dous altos cargos con Pérez Varela foron directivos de Plexus

Non é a primeira contratación presuntamente irregular por parte administracións conservadoras a Plexus. Por exemplo, Plexus tamén fixo a polémica web do Xacobeo que, segundo desvelou ANT e denunciou a oposición no Parlamento, foi actualizada antes de que se resolvese o concurso.

Agasar Cascallar

Antonio Agasar Cascallar, ex-asesor da CRTVG na era Fraga e persoa próxima ao círuclo do ex-conselleiro de Cultura Xesús Pérez Varela, figura como apoderado desta empresa, segundo o Rexistro Mercantil. Varias das súas firmas están relacionadas con contratos presuntamente irregulares de administracións do PP.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río