Eva Estévez . Xosefina Gómez e Ana Matínez son O Trasno Viaxeiro, unha libraría de Cacheiras (Teo) que a través da súa web dan a coñecer novidades editoriais, actos literarios e desafogos varios, así como unha completa listaxe de enlaces con outros autores, editoriais e sitios literarios. Xosefina é a que se encarga en maior parte de actualizar e lle dar vida a este blog literario.
Que é 'O Trasno Viaxeiro'? En principio era un blog para falar dos libros da nosa libraría. De cando en vez subimos posts coas novidades editoriais e, sobre todo, damos conta de actos, lecturas e presentacións literarias relacionándoas cos autores e a xente que organiza estas actividades. O Trasno Viaxeiro ten un catálogo de enlaces literarios e bibliográficos. Por que este nome? Debe o seu nome á libraría. A filosofía do Trasno Viaxeiro é a variedade en canto a títulos e autores, dar a coñecer cousas diferentes e ter literatura de todos os sitios e autores que escriben en distintos idiomas e son orixinarios doutros países. Dende cando funciona? Xuño de 2007. Que periodicidade ten? Ultimamente estivo un pouco abandonado por cuestións de axenda. Procuramos facer unha entrada cada dous ou tres días. Tentamos dar a coñecer temas que non sexan exclusivamente da libraría. Antes facíamos máis referencias a outros blogs e páxinas que frecuentamos e que nos parecen interesantes. É un blog colectivo? Facémolo entre Ana e eu, que firmo como hormiga que é o link que conservo dende 1999, cando non había redes sociais e os debates eran a través dos foros. Cal é o cometido do blog? Todos os blogs teñen algo de desafogo. Neste caso vén sendo a exposición dun negocio enlazada coa opinión persoal, porque a actualidade e a vida mesma sempre provocan reaccións ante determinados temas. O blog tamén ten a función de amosar as cousas boas que hai circulando por aí para poder enlazalas e dalas a coñecer. Penso que un dos cometidos máis importantes do noso espazo é o de servir de enlace con outros. É monotemático? O básico é falar de libros aínda que non sexa crítica literaria e da actualidade política, música e cine, aínda que de vez en cando recordamos que é o blog dunha libraría. Que lles dá este espazo na rede? O coñecemento doutras páxinas de escritores en lingua galega e enlaces para coñecer autores que non coñecía. Tamén me habituou a visitar moitos blogs en galego e abrir noutras pestanas adicadas á lingua e literatura galega, a ler máis libros e a escribir máis.
Ana Martínez, á esquerda, e Josefina Gómez, son 'O Trasno Viaxeiro'
Descargar Tarifas