PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
Xosé Manuel
Barreiro
Vicepresidente do PP de Galicia
Malos tempos para os Concellos
 04.02.2010 | 12:31

Son malos tempos. Especialmente para os Concellos, que comproban como as reducións orzamentarias doutras administracións de máis grao como a estatal, que non aplica a austeridade en gastos superfluos pero que si fai uso da tesoira á hora de fixar o montante a transferir ás administración locais, os obriga tamén a eles a minguar a súa capacidade investidora.

O conxunto dos Concellos de Galicia perderán este ano, en comparanza co 2009, algo máis de 27 millóns de euros, un 9,7 por cento. Iso sen contar as reducións que afectarán as sete grandes cidades galegas, as deputacións provinciais e a propia administración autonómica. O goberno do Estado reduce este ano en dez mil millóns á súa contribución aos gobernos autonómicos. As previsións do propio executivo central cuantifican a rebaixa ás comunidades autónomas e ás entidades locais en máis dun 19%.

Sumando e sumando ou máis ben restando e restando, augúranse malos tempos para a administración máis próxima aos cidadáns. Aquela que, precisamente por esa cercanía, ademais de asumir a prestación de servizos que ás veces nin sequera lle son propios, é a primeira en recibir as queixas pola carencia ou polas deficiencias que se produzan nesa atención e a que, dun xeito ou outro, debe dar resposta, o máis inmediata posíbel ademais, aos problemas que xurdan.

Son de sobra coñecidos os problemas de liquidez que están a ter os concellos para lle facer fronte incluso ao seu propio funcionamento: o pagamento das nóminas dos traballadores, sen ir máis lonxe. As alertas principiaron a soar antes incluso de que houbese un recoñecemento máis ou menos oficial do goberno de José Luis Rodríguez Zapatero de que estabamos en crise, cando os ingresos derivados da actividade inmobiliaria ían paulatinamente esvaecendo e, polo tanto, a inquietude, con maior ou menor ímpeto, se facía patente ao longo e ancho de Galicia.

A esta situación xa de por si grave hai que sumarlle outro elemento negativo: o feito de que a Xunta de Galicia se vexa obrigada –por unha mala planificación do executivo que lidera Zapatero, que optou por facer unhas precisións económicas irreais nas que pesou máis o intento por acadar un rédito electoral que por defender o interese xeral– a devolver ás arcas estatais 1.900 millóns de euros polas liquidacións negativas correspondentes aos anos 2008 e 2009.

A falta de rigor e de responsabilidade do goberno socialista e a súa incapacidade para atallar os efectos negativos da crise traslándanse agora ás administracións locais. Os Concellos terán que pagar os erros da administración central, o malgasto de Zapatero. Aveciñanse, polo tanto, malos tempos para todos cando a ferida do financiamento autonómico aínda permanece aberta.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río