Europa Press . Os sindicatos CIG-Ensino e STEG consideran que varias propostas realizadas respecto ao pacto de Estado pola Educación se basean ‘nunha concepción mercantilista’ do sistema educativo e instan a potenciar ‘a maior calidade posíbel dos centros públicos’.
En declaracións a Europa Press, o voceiro da CIG-Ensino, Anxo Louzao, amosouse "preocupado" polo contido dalgún dos puntos que "equipara o ensino privado co público", ao prever medidas "para incrementar os concertos" a centros de titularidade privada. Nesta liña, o Sindicato de Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) criticou que a escola pública non sexa o “eixe vertebrador” do pacto, o camiño, dende o seu punto de vista, para "equiparar as desigualdades" neste ámbito. Tras coincidir con esta idea, Louzao referiuse tamén ao "reforzo do bipartidismo" tras criticar que, no caso de impulsárense as devanditas medidas, "calquera proposta" que se realice en materia educativa "ten que ter o aval de dous terzos do Parlamento". "Estamos nunha proposta inasumíbel, que porá en tea de xuízo un Estado descentralizado e plurinacional", lamentou. Pola súa banda, o presidente de ANPE-Galiza, Xulio Díaz, pediu que o acordo se realice "con valentía", xa que a proposta actual "deixa de lado o importante para non crear discrepancias". Ademais do "esforzo dotacional de medios e recursos humanos", sinalou a importancia de recuperar "o prestixio e a autoridade do profesorado", ademais de garantir a "protección e atención preferente" ás vítimas de violencia e acoso escolar. Finalmente, CC OO-Ensino considerou "imprescindíbel" un incremento na inversión en educación, tras recordar que "sete Comunidades Autónomas, entre as que se atopa Galiza, reduciron este ano o seu gasto" nesta materia.
Alumnos no primeiro día de curso.
Descargar Tarifas