PUBLICIDADE
Venres, 19 de marzo de 2010
ENTREVISTA AO PRESIDENTE DO PP DE OURENSE
Baltar Blanco: 'Nunca iría a unha protesta de Galicia Bilingüe'

Manuel Vilas 'Que se me diga que mesmo se pretende derrogar a Lei de Normalización Lingüística, pois paréceme unha cousa patética', advirte un dos líderes do 'sector da boina' no PP galego nunha entrevista para A Nosa Terra.

Reloxo 04.02.2010 | 07:26

Manuel Baltar, no seu despacho do Parlamento Manuel Baltar, no seu despacho do Parlamento. P.F.

Xosé Manuel Baltar Blanco está exultante e coas pilas ao máximo. Na impoluta mesa do seu despacho de vicepresidente do Parlamento revisa a prensa a lume de carozo. Os titulares dan conta dun concello do seu partido e da súa provincia, Vilariño de Conso, que cualifica o “Decreto do Plurilingüismo do PP” de “agresión a nosa cultura”. Pero para o novo líder do PP de Ourense –agora referente indiscutíbel do 'sector da boina' (a rama dos conservadores en teoría máis próxima ao galeguismo) tras a súa vitoria no congreso desta semana–“non hai que dramatizar”.

Baltar lee a cartilla con nomes e apelidos e faino por propia iniciativa. As súas críticas son rápidas e decididas, pero non van contra o pequeno municipio do PP que se desmarca do retroceso na normalización aplicado por Alberte Nuñez Feixóo. Van en contra de Galicia Bilingüe, o colectivo contrario á promoción do galego co que se manifestou polas rúas de Santiago a cúpula do PP galego máis urbana, incluídos os conselleiros Alfonso Rueda, Pilar Farjas e o líder do PP coruñés Carlos Negreira.

O novo mandatario do PP de Ourense tampouco se morde a lingua ao destacar que logrou a vitoria “con practicamente todo en contra”, incluída unha “campaña  mediática sen precedentes”. Identifica con datas, e di que pode con fotos, as persoas polas que se sente traizoado. Entre elas, os deputados Antonio Rodríguez Miranda e Poly Nóvoa. A este último advírtelle que se quere repetir como candidato a alcalde da capital das Burgas non abondará co dedo do aparato de Santiago, senón que necesitará unhas primarias.

Nunha entrevista recente en El País cualificou de “insultante” a postura dunha parte do PP galego sobre o idioma. A que parte se refería?

Quede claro que non me refería a unha parte do PP. Referíame a algunhas posturas de Galicia Bilingüe, que eu creo son insultantes. Que se me diga que mesmo se pretende derrogar a Lei de Normalización Lingüística, pois paréceme unha cousa patética.

Cal é a súa alternativa?

Actualizar a defensa do galego no século XXI, o revisionismo é malo sempre. Hai alicerces da nosa posición institucional como país que ninguén debe discutir, porque se estamos a revisar de seguido afecta a estabilidade institucional. Trátase de actualizar o respecto a nosa lingua; para algo temos no noso país unha lingua, unha cultura e un territorio propios e unha poboación identificada coa súa pertenza a Galicia. Este deseño de país é indiscutíbel.

Das súas palabras despréndese que a participación de compañeiros seus nas protestas de Galicia Bilingüe foi un erro. De feito, ninguén dos que forman parte do sector galeguista do PP acudiu ...

E que eu nunca iría a esa manifestación, nunca iría a unha manifestación de Galicia Bilingüe. Non coincido nas súas propostas, como tampouco coincido cos da Mesa pola Normalización. Os radicalismos son malos. Cando houbo en Galicia un presidente 'popular' garantiuse a pax lingüística. Con Albor na Lei de Normalización, con Fraga no Plan de Normalización. Estragouse esa unanimidade co bipartito, coa chegada do nacionalismo ao poder. Isto son feitos. Non hai que usar a lingua como arma de confrontación electoral. É a nosa maior riqueza como pobo, a tarefa de calquera que se adique ao servizo público en Galicia é promovela.

Entrevista completa no semanario A Nosa Terra, nos kioskos este xoves.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río