Manuel Vilas . O nome de Plexus sae á luz constantemente nas polémicas sobre adxudicacións de administracións do PPdeG en eidos como as novas tecnoloxías e as relacións públicas.
A denuncia da CIG sobre suposta "cesión ilegal" de traballadores por parte de Plexus á Consellaría de Traballo, non é a primeira contratación presuntamente irregular por parte administracións conservadoras a esta firma. Por exemplo, Plexus tamén fixo a polémica web do Xacobeo que, segundo desvelou ANT e denunciou a oposición no Parlamento, foi actualizada antes de que se resolvese o concurso. "Curiosamente cumpría cos requisitos do prego antes da adxudicación e ata se procedeu á apertura das ofertas económicas sen presenza doutras empresas candidatas", lembrou hoxe a CIG. Agasar Cascallar, asesor na consellaría de Pérez Varela Antonio Agasar Cascallar, ex-asesor da CRTVG na era Fraga e persoa próxima ao círuclo do ex-conselleiro de Cultura Xesús Pérez Varela, figura como apoderado desta empresa, segundo o Rexistro Mercantil. Varias das súas firmas están relacionadas con contratos presuntamente irregulares de administracións do PP. Este empresario tivo cargos de asesor da Xunta do PP no deseño da Cidade da Cultura e na CRTVG. Este consultor tamén é administrador único de Brétema Consulting, compañía contratada asiduamente por administracións controladas polo PP galego, como o Porto da Coruña, como sinalara o xornalista Perfecto Conde. A CIG asegura que finalmente o Porto da Coruña retiroulle o contrato a Plexus tras o anterior cambio de Goberno. O nome Plexus S.L. xa saltara á prensa en 2007 na Comisión de Investigación no Parlamento sobre a Cidade da Cultura. Daquela o BNG esgrimira un informe do Consello de Contas que detallaba varias irregularidades nas concesións da polémica obra da Xunta, dirixida polo conselleiro Xesús Pérez Varela, a esta empresa. Outro informe do Consello de Contas atopara irregularidades na adxudicación da Consellaría de Cultura de Pérez Varela a Brétema Consulting para a promoción da Volvo Ocean Race en 2005, segundo recolleu no seu momento La Opinión da Coruña. Ademais de Antonio Agrasar Cascallar, asesor da Xunta e da TVG en tempos de Fraga, tamén foi directivo de Plexus Xosé María Sánchez González, ex secretario xeral de Cultura con Pérez Varela, informa Europa Press.
Descargar Tarifas