
En certa medida, cando mellor se definiu en qué consiste iso da “falacia progresista” foi no momento en que Rosseau se atreveu a contestarlle á Academia de Dijon que non, que do progreso das artes e das ciencias non se deriva necesariamente o progreso da humanidade. E se vos propoño que paredes un anaquiño con tan apaixonante asunto, é porque –así de raro son– foi precisamente isto o que se me veu á cabeza escoitando a lea esa dos moitos beneficios que nos vai traer a televisión dixital terrestre, agora que a analóxica está para morrer. “Mellor calidade de imaxe, interactividade, variedade de contidos…” No da imaxe e a interactividade –hai anos que furrula por aí un teletexto con prestacións ben parecidas ás que nos ofrecen– non vou a entrar porque me temo que en boa medida han depender dos televisores cos que contemos. Pero no da “variedade de contidos”… O visto ata agora – e dicídime, por favor, que non só pasa no meu equipo!– ben pode resumirse nunha continua repetición de programas do corazón, teletendas, concursos estafa, e, iso si, unha numerosa oferta de canles con tan escaso rigor informativo –e numerosas visitas do presi Feixóo, por certo– como ganas de esmagarnos de vez coa “una, grande y libre…y católica, apostólica y romana”. Todo o día e a todas horas dando o “coñazo” co mesmo e o de sempre. Alguén dixo unha vez que temos a televisión que nos merecemos. E xa non sei se estaba ou non no certo. O máis raro do asunto –progreso!– é que sexa o PSOE dende o goberno do Estado quen teña que bendicir, publicitar e pór en marcha o invento. De atendermos aos contidos, tamén os outros deberían rascar o peto, non vos parece?
Descargar Tarifas