Europa Press . A CIG solicitou hoxe ás administracións públicas que controlen o cumprimento das condicións laborais dos traballadores do sector da construción que interveñen en obras públicas porque, segundo denunciaron, as empresas subcontratadas están pagando salarios por baixo do estipulado no convenio colectivo e obrigando a realizar horas extras sen compensación.
En rolda de prensa, o secretario comarcal de CIG-Construción en Vigo, Alberto Fernández, asegurou que os contratos que se están subscribindo só contemplan a retribución por horas e que estas están sendo pagadas a 7 euros cando o convenio estabelece que os operarios deben cobrar 9,5 euros.
Protesta da CIG no sector da construción en Vigo.
Ademais, Fernández denunciou que adxudicacións como as do Plan E, que esixen a contratación de empregados locais, están incorporando a estranxeiros, principalmente procedentes de Portugal, que completan xornadas laborais de até 12 horas e aceptan traballar os fins de semana sen percibir ningunha mellora salarial a cambio.
“Présas por rematar as obras”
A CIG atribuíu estas condicións ás "présas" das administracións por terminar as obras e lamentou que primen as datas de inauguración por encima do fomento do emprego, á vez que recordou que o número de parados no sector da construción se elava ás 13.364 persoas na provincia de Pontevedra.
Fernández sinalou que estas prácticas están sendo apoiadas pola patronal e acusou o presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC), Anxo Fernández Presas, de "promovelas" e de manter un expediente de regulación de emprego (ERE) na súa empresa, que afecta a 43 persoas, a pesar de que os seus empregados están facendo horas extras.
Así mesmo, o portavoz da Executiva comarcal de CIG-Construción en Vigo, Xulio Vicente, criticou que a patronal obrigue ademais os traballadores a asinar unha cláusula pola cal renuncian á súa indemnización e que a maioría da xente contratada procede do estranxeiro.
Inspeccións
Vicente desvelou que os propios operarios recoñeceron a Inspección de Traballo nunha revisión que estaban cubrindo máis horas das permitidas, con soldos inferiores aos estabelecidos e que cobraban até o 40 por cento do seu soldo "en diñeiro B".
No entanto, apuntou que os inspectores non tramitaron as pertinentes demandas que permitisen denunciar a situación e regular as condicións. Para rematar, alertou do risco de sufrir accidentes laborais ao que se someten os traballadores ao completar xornadas laborais por encima do estipulado.
Descargar Tarifas