
Onte estiven no Porriño. A mañá fria e soleada permitía desfrutar dun centro da vila recuperado para as persoas, para a vida en común. A cidadanía ocupaba esas rúas para presenciar a deturpación da súa vontade política. Entre os seus gritos de indignación escoitamos os diferentes turnos de palabra dos responsábeis políticos.
Fronte a explicación dun proxecto para O Porriño, para transformar a vida dunha vila nun espazo democrático escoitamos... descualificacións e máis descualificacións dos até onte gobernantes. Nin un só proxecto que non sexa cumprir unha folla de ruta escrita noutro sitio. Fronte ao compromiso dos nacionalistas de comezar o traballo polo principio, nomeadamente, o saneamento nas parroquias, a extensión dos servizos sociais ou o trato igualitario na oficina de emprego municipal, unha suma de intereses acceden ao goberno. Queda pouco máis dun ano e tres forzas políticas froito das continuas escisións por personalismos da dereita impiden que O Porriño remate as políticas públicas que para este mandato tiña no horizonte.
Alguén preguntoume que opinaba de todo aquilo e educadamente díxenlle que ás veces entendía que a cidadanía estivese farta desta política como espectáculo. Que cansara desa volta a falar de coches e chimpíns. Que se fartara dos xogos de poder. Como explicar que unha institución como a Deputación de Pontevedra, cos recursos que move e nesta época de crise, o que pretende é un uso partidario desta. Situar as súas máquinas asfaltando até o último centímetro das corredoiras. Que máis dá o saneamento se iso non se ve, non vai por debaixo do piche? O que non se ve a simple vista non conta. Que máis dá que os servizos sociais sexan igualitarios, non os empregan os máis desfavorecidos? Que máis dá falar en termos de democracia nun Concello, acaso non é un valor o control de até o último voto?
Nin tan sequera Rafael Louzán é o cerebro desta operación, só é un actor máis dun guión que leva por título: difama que algo queda. O guionista principal é sen ningunha dúbida Alberte Núñez Feixóo, que escribe a obra e reparte papeis secundarios. Habilmente vai queimando os seus emisarios polo camiño para tentar saír indemne da desfeita. No ámbito laboral e do benestar xa ninguén se lembra de que existe unha conselleira, o arrinconamento da cultura galega xa ten un culpábel e no tema do idioma Xesús Vázquez e Anxo Lorenzo terán o seu propio San Martiño. Do mesmo xeito, repetir e corear que Louzán percorre os concellos do Pontevedra tentando reforzar unha deputación que se lle pode escapar magnifica os medios mais desenfoca o fin. As mocións de censura contribúen a estender a idea de que todos son iguais, de que nada se pode cambiar, de que o traballo honrado feito todos os días poucos votos dá, de que a política é para os de sempre.
Logo de ter gobernado con dignidade, irse non é pechar unha porta. Mais ben é facer un pequeno alto no camiño, sentar e tomar folgos para, por poucos altofalanes que existan, deixar claro que nin todos somos iguais nin perseguimos os mesmos fins nin temos a mesma concepción da concreción da política e do espazo político.
Descargar Tarifas