
José Luís Rodríguez Zapatero, presidente do Goberno central
Hoxe o mencer trae varias novas curiosas. A Unión Europea decide suspender in extremis a cimeira Estados Unidos-UE prevista para maio porque o presidente Barack Obama non pode vir por aparentes motivos de axenda. Mal fai de menosprezar a gran potencia europea, principal entidade comercial do mundo, e evidente competidor. O que non ten lóxica é que a Unión Europea suspenda un tema por unha persoa, mesmo coa representatividade federal e mundial que poida ter, porque estamos a falar de acordos. Onde está a capacidade desta presidencia española da UE para tomar decisións, onde está esa pregoada capacidade internacional de José Luis Rodríguez Zapatero que vemos patina por todos os ocos? Vexámolo dende outro punto de vista, e se o monarca alauíta decide non vir á cimeira Unión Europea-Marrocos, suspenderíase? Pensen nisto.
Falando da presidencia española da Unión Europea. Pouca interlocución cos partidos nacionalistas, parece a primeira vista, polo que me contan eurodeputadas e eurodeputados que fixeron preguntas a varios ministros e ministras a semana pasada en diferentes comisións parlamentares do parlamento europeo sen ter resposta directa. Eu aínda non podo intervir até fins de 2011 como ben saben, mais para iso temos un grupo parlamentar e os temas de interese para a nosa nación son levados e negociados para ser tratados polos nosos colegas do grupo. Neste debate político con ollar estatal parece que todo se mide polo tamaño, as organizacións políticas, as linguas... Ben sabe a Unión Europea que non, que se tes un Estado, decides, que llo digan a Finlandia, Lituania, Malta, Luxemburgo, non importa o talle senón a lexitimidade. Se Galiza fose un Estado propio, decidiriamos, teriamos, sete eurodeputados-as, teriamos voto e veto no Consello, teriamos presenza nos comités sectoriais da Comisión. Dá para falar outro día de vagar. O caso é que a presidencia española arrancou e nós formulamos cal era a axenda europea para Galiza. Non nos respostou ninguén, nin o goberno estatal nin o Goberno autonómico –enferruxado no debate da lingua, en amparar mocións de censura ou resolver as liortas ourensás, nin fomos convidados a debatelo no Congreso nin a apresentar as nosas propostas. Así que mentres Zapatero fala de Europa 2020, no BNG temos que falar de Galiza 2010, tamén en Europa, cun ollar noso e cun ollar común da cidadanía europea, rebatendo eses conceptos de que só ollamos para nós mesmos. Falar de benestar social en Galiza tamén implica falar de políticas europeas, ou falar de construción naval, de políticas pesqueiras, da reforma da PAC, da protección do litoral (ai, a que se nos vén enriba, a este paso no 2014 a costa galega en lugar de portos vai ser "Mapa dos Spas na costa), das comunicacións, do acceso en condicións de igualdade no rural aos servizos de banda ancha, dos plans fiscais para as pemes, da idade de xubilación, dos servizos públicos (lembren, directiva Bolkenstein xa implementada), da rede Natura, e dun profundo debate sobre o modelo de sociedade que queremos e do que nós, galegas e galegos temos dereito e obriga de defender tamén en Europa. Mais falar con que interlocutor? Nin un só tema galego na semana pasada tivo resposta, nas comparecencias ministeriais no parlamento europeo. Na comisión de peticións debatíase a denuncia, entre outras, apresentada pola Plataforma da Defensa da Ria de Vigo "Cies" que pretendia ser pechada polo PP, que despregou emisarios, e nunca mellor dito, que hai emisarios de vertidos e emisarios-as de mensaxes, electos e non electos, para vir ver que defendia esta plataforma civil. Tres grupos parlamentares amparamos esta proposta e continúa aberta. Por iso creo que tamén neste tema a presidencia actual deste semestre do Consello debia velar pola proteccion do litoral galego, que é litoral europeo, que é fonte de riqueza, de vida, de comercio e transporte. Que é, como dicía un profesor galego en Catalunya, patrimonio da humanidade. Apostar por unha estratexia implacabel cos Estados que vulneren a protección da costa, con gobernos como o galego que parecen entender que as normativas de protección dos Hábitats son adornos. E logo falan que os nacionalistas somos illacionistas, se estamos a demostrar que somos máis internacionais no sentido da solidariedade, do cumprimento das normas e do respecto que estes gobernos do ar, que non respectan nin a xente nin a terra nin a lingua nin o mar. Unha estratexia europea de protección integral da costa, cun ollar socioeconómico, integrador da operatividade dos portos e o desenvolvimento compatíbeis co medio ambiente, que non permita, nin en Galiza nin fóra, devastar as nosas costas con construción. Isto tamén imos apresentarllo á presidencia europea e no eido parlamentar europeo.
Descargar Tarifas