
A historia prefiro que a leades por quen a conta de xeito impecábel, coma sempre, no caso dos escritos de Armando Álvarez, un dos mellores xornalistas deportivos actuais, a todos os niveis. A min tócame agora dar a miña opinión.
O Celta é un equipo tranquilo, Vigo é unha cidade tranquila. Por moito que queiran sinalar, os Celtarras (que cada vez son menos) non son máis violentos que calquera outra peña futbolística caracterizada pola extrema mocidade e certa irreverencia camuflada ou tinxida de ideoloxía.
Proba da calma dos Celtarras é a certeza de que nas dúas tempadas que leva o equipo na segunda división nunca intervira a policía nacional nas portas do campo. Nin tan sequera na visita do Spórting de Xixón. E iso até podería ser estraño porque na cidade asturiana os Celtarras tiveron que entrar escoltados polos antidisturbios, entre berros e lapos dos Ultra Boys sportinguistas.
E resulta que visita Balaídos un equipo de primeira división e aparece a policía. Non para manter a orde senón para administrar a desorde sen ningún sentido. Os feitos son os seguintes: hai un rapaz con cen puntos de sutura e outros golpes con secuelas. Outro recibiu un porrazo da propia policía. Cantos detidos hai? Ningún.
O ferido e algunhas testemuñas falan de que mozos con bufandas do Atlético de Madrid lle romperon unha botella de cervexa das de litro na cabeza e que logo andaron a puntapés con el, ao tempo que falaban en alemán consignas nazis. Son todos estes datos circunstanciais e até podería pensar que os culpábeis nin eran do Atlético nin tan sequera nazis senón gamberros que viron posíbel atacar un mozo sen consecuencias. E iso é o grave.
A policía e os medios de comunicación non poden mirar para outro lado neste caso. Como cidadáns esiximos que todas as agresións teñan unha pena. E os efectivos armados do Estado teñen a obriga de investigar o asunto e encontrar os responsábeis. Sen escusas, sen xustificacións.
E os medios que se deleitan cada día en amosar sucesos tras sucesos... Por que este non merece atención? Acaso non é politicamente correcto denunciar que a un rapaz menor de idade lle abriron a cabeza sen ter culpa? Nin estaba facendo mal nin el buscou a tunda. Merece tanta consideración coma calquera agredido. Que curioso que no seu caso non haxa espazo para o sensacionalismo.
Só deixo unha pregunta no aire: Se o ferido fose un madrileño que chegara co seu equipo e o suposto agresor un celtarra, o silencio e a impunidade serían os mesmos?
Descargar Tarifas