PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
BLOG XOSE LOIS GARCIA
Xosé Lois
García
Escritor
A morna caboverdiana
A morna é unha cantiga triste que os caboverdianos utilizan para lembrar os ausentes que marcharon na emigración.
 01.02.2010 | 17:13

No arquipélago de Cabo Verde, a morna é esa cantiga triste que está presente en todos os lares e convivios, unha especie de himno memorial que todos confraternizan. A morna é o cántico das ausencias co que os que fican lembran os emigrantes que deixan as illas, collendo rumbos diversos. A morna é ese laio, sempre presente, onde a saudade máis íntima se refuxia e manifesta nese ritmo e son cadencioso cargado de melancolía. O grito emitido polo que parte en rumbo incerto ten na palabra crioula: “Hora di vai” (Na hora de partida) unha connotación sentimental que se  manifestou durante séculos nos peiraos, onde as familias e os amigos se despedían dos que emigraban. Non podía ser doutro xeito que nunha terra cercada polo mar, onde a saudade é soberana do que se contempla e do que se valora do ser ausente, todas aquelas emigracións conmovían os caboverdianos.

A morna recolle ese sentimento convertido en verbo espléndido e renacido para unir os que ficaron cos que partiron. Por iso se di que hai dous tipos de morna, a dos emigrantes caboverdianos no Brasil e a dos insulares. O saudosismo conceptuado desde dúas versións dun cántico de ausencia, unha especie de salmodia sapiencial que ritualiza esas manifestación cívicas, tan severo como rigoroso, entronizado na conciencia colectiva dos caboverdianos.

O fado creárono no Brasil aqueles portugueses apreixados pola  saudade. Nas súas incursións coloniais compuxeron ese cántico tremendo e cargado de soidade e tristeza que aínda os portugueses cantan con enorme solemnidade. Mais as saudades manifestadas no fado e na morna son ben diferentes aínda que expresen un sentimento de desterro e, tamén, de apego á terra nativa.

A morna caboverdiana connota esas continxencias do home insular apegado a esa terra dura e negra que os volcáns vomitaron. As benquerencias que os naturais teñen con esas illas míticas onde os poetas, os músicos e os cantautores recolleron as esencias populares da saudade e as entronizaron na morna. Os grandes intérpretes da morna, creadores como B. Leza, tío de Cesária Évora –Dona Cesária, como din os caboverdianos. Sería moi longa a nómina de persoas implicadas na evolución da morna, que lle deron vida e a normalizaron como o cántico intemporal da saudade.
En Praia, capital de Cabo Verde, naquel enorme cantil sobre a baía, ao lado da Asemblea Nacional, o restaurante O Poeta ábrese cara ao mar, e naquel brillo nocturno brincan as luces resplandecendo aquel salón onde nas teclas do piano e a voz sosegada dun cantante, as mornas lembran as “horas di vai”. O Poeta é unha especie de cumial onde o sentimento  atende a memoria insinuada nesas ondas marítimas que empurran os adeuses na cimeira dos barcos saudosos.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río