M. V . AGASOL, a patronal do software libre en Galiza, pronunciouse hoxe sobre a polémica en torno a privatización de Mancomun.org. Os empresarios destacan que 'o Software Libre é independente de calquera tendencia política pois é un beneficio para a sociedade xeral'.
A Xunta do PP encargará gran parte dos labores que realizaba Mancomun.org, a oficina creada no bipartito que promocionaba os programas abertos, a unha empresa. O concurso sae por 171.000 euros, cantidade moi inferior ao gasto anual durante o anterior goberno neste sector. BNG e PsdeG xa pediron explicacións no Parlamento. Os grupos de usuarios de Linux alertan do "parón brutal" sufrido tras a chegada dos conservadores ao poder. A patronal prefire non entrar en liortas coa Xunta Agora a patronal non critica a privatización de Mancomun.org nin a redución de actividades a prol das ferramentas libres. Iso si, o colectivo "agradece sinceramente todas as iniciativas xurdidas no pasado". "As empresas e persoas que conforman AGASOL estivemos, estamos e sempre estaremos implicadas coa comunidade de Software Libre colaborando activamente en asociacións sen fins de lucro de todo tipo (grupos de usuarios, tradución, desenvolvemento, organizadoras de eventos, cursos, difusión…), aportando horas de traballo, experiencia e recursos", argumenta o comunicado da asociación que preside Roberto Brenlla. A Xunta acaba de presentar un novo paquete de medidas a prol dos programas abertos, incluída a promesa de publicar como software libre todas as aplicacións que encargue a Administración Autonómica.
Roberto Brenlla, un dos socios fundadores de AGNIX e presidente de AGASOL.
Descargar Tarifas