Europa Press . O novo presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, solicita a oficialidade da lingua asturiana no territorio desta comunidade, exceptuando a franxa occidental entre os ríos Navia e Eo, para a que reclama a oficialidade do galego porque, ao seu xuízo, é a única lingua que fala nesta zona xunto co castelán.
Ferrín, elixido presidente da RAG o pasado 23 de xaneiro en substitución de Xosé Ramón Barreiro, reivindicou, nunha entrevista concedida a Europa Press, a galeguidade lingüística do Navia-Eo, aceptando a posibilidade de chegar a un consenso normativo coa Academia da Llingua Asturiana para o occidente de Asturias, sempre e cando esta "deixe de asturianizar". "O asturiano ten que ser oficial en Asturias e o galego tamén no occidente de Asturias", sinalou Ferrín. "A min persoalmente dáme rabia, moita rabia que o asturleonés sexa cooficial en Mirando do Douro e recoñecido pola República Portuguesa, e o asturiano non o sexa en Asturias plenamente", comentou, se ben engadiu que "o occidente de Asturias é outra cousa, e ten que ter un tratamento especial, e nós apoiamos as normas do galego de Asturias do Navia-Eo". Segundo Ferrín, a Academia da Llingua Asturiana "trata de asturianizar o galego de Asturias, pero é inútil, porque os 'e' breves do latín non ditongan, non o pode conseguir ninguén, se non o conseguiron miles de anos de historia", afirmou. Facía referencia, así, a un dos trazos máis característicos para diferenciar o galego do asturiano ou o castelán: a evolución do 'e' e do 'o' curtas latinas, que mentres en castelán e en asturiano ditongaron (exemplos como ‘tierra’ e’puerta’) en galego permaneceron como tales ('terra' ou 'porta'). Non obstante, a normativa da Academia da Llingua Asturiana para o Navia-Eo respecta este aspecto, pois no que dende Asturias se chama galego-asturiano se manteñen os termos 'terra' e 'porta', como se pronuncian na zona. No canto a se estaría de acordo en chegar a un consenso sobre a normativa do "galego de Asturias" coa Academia da Llingua, Ferrín respondeu: "naturalmente que si". "Pero o que non se pode é tratar de asturianizar poñendo 'e' grega, iso é inmaturo e non está ben", comentou, en referencia a outro trazo diferenciador, o 'e', que se utiliza na 'fala' occidental en palabras como 'trabayar', termo que en galego normativo se di 'traballar'. Comentou tamén que no occidente "ninguén di 'ye'; ou falan castelán ou falan galego, o que non falan é asturiano nunca, e as formas dialectais, que non son asturianas, son marcadísimas", se ben matizou que nesta zona "hai unha conciencia moi difusa de que iso non é seu". "O asturiano é o asturiano e forma parte dunha unidade lingüística venerábel, antiga, que sobrevive até Portugal, e León, e que iso ten que ser oficializado plenamente, non de xeito vergoñento e insuficientemente como está agora; o asturiano ten que ser lingua oficial e o galego tamén ten que ser lingua oficial de Asturias", declarou o presidente da RAG. "Se Asturias é así de complicada pois, que imos facer? Tampouco é nada malo", engadiu. Ferrín recoñeceu que o occidente de Asturias é un ámbito que non compete a Galiza, pero sinalou que está en contacto con movementos culturais e persoas do Navia-Eo. "Algúns dos nosos escritores novos do occidente asturiano, como Eva Moreda, magnífica novelista en galego, que é da Veiga (Vegadeo)," comentou. Dende o seu punto de vista, "é curioso que en Asturias occidental haxa unha gran cantidade de escritores en galego, uns máis dialectais e outros mais normativos, pero hai un cultivo do galego moi importante, moitísimo máis que no Bierzo", afirmou.
Xosé Luís Méndez Ferrín, novo presidente da RAG.
Ferrín comentou "estar a desexar que este conflito desapareza". "Eu son moi amigo de escritores asturianos e de persoas que defenden o asturiano, polo que este tema está como envelenado", lamentou. "Que conste", engadiu, "que son un grande amigo da lingua asturiana".
Non en van, como escritor, é autor de obras que xa foron traducidas ao asturiano, unha delas precisamente editada pola Academia da Llingua, 'Retornu a Tagen Ata', e outra pola editorial Trabe, 'Doce contos'.
Sinalou tamén que lle doen cousas como "que non haxa máis contacto entre Asturias e Miranda do Douro", que “fala a mesma lingua que o asturiano e está oficializada”. "Estráñame que non haxa máis contacto e máis relacións, pero a min non me compete", concluíu.
Por outra banda, nunha entrevista concedida a RNE, recollida por Europa Press, Méndez Ferrín subliñou que un dos desexos da nova directiva da RAG é "conseguir estar nos presupostos" da Xunta, como unha forma de garantir "o mínimo" dos custos desta entidade e dun xeito fixo, que dea "independencia".
Ferrín, que asegurou que "evidentemente" deixa agora a militancia e política activa, explicou que a situación económica da academia "é precaria" debido á ausencia de fondos fixos. "Así non se pode vivir", lamentou, e reclamou un acordo parlamentario de todas as forzas políticas para incluír nas contas da Administración autonómica os gastos da academia, que cifrou nun "mínimo de 1,2 millóns". Neste sentido, considerou que tamén debería haber un consenso no Senado para esta fin.
Ao respecto do borrador do decreto do galego e dos cualificativos de "radical" aos que acudiron á manifestación contra as bases lingüísticas, Méndez Ferrín defendeu que "radical é desfacer todo o traballo" anterior e "pedir conservar un decreto do galego, un plan de normalización e unha lei é ser conservador".
Descargar Tarifas