Redacción . As axudas correspondentes ao Plan de Vehículos Eficientes do Instituto Enerxético de Galiza (Inega), cunha contía máxima de 7.000 euros por subvención, que teñen como obxectivo potenciar e renovar o parque automobilístico galego e impulsar unha maior eficiencia enerxética no sector do transporte, poderán solicitarse dende o luns.
Deste xeito, o Inega destinará unha contía inicial de 500.000 euros, cos que se conseguirá "diminuír o impacto ambiental" mediante a promoción da compra de vehículos novos menos contaminantes, e potenciarase unha mellor diversificación enerxética para reducir a dependencia do petróleo. Mediante esta actuación, a consellaría de Industria estima que se poderán aforrar 48 toneladas equivalentes de petróleo ao ano, o que supón a redución anual na emisión á atmosfera de 162,40 toneladas de CO2. Ademais, estímase a xeración dun investimento asociado de aproximadamente 3,4 millóns de euros. O Goberno galego prevé que se adhiran á campaña máis de 45 concesionarios e talleres e realicen 250 transaccións no marco deste plan (que se compren 210 vehículos híbridos e se fagan 40 transformacións a GLP).
Descargar Tarifas