Redacción . O Deportivo perdeu en Riazor (1-3) ante o Real Madrid no partido que daba inicio á segunda volta da Liga. Riki, de penalti, anotou o único tanto do cadro galego nun partido no que os de Lotina acusaron as numerosas baixas. Ao final, triunfo visitante ante un digno Deportivo.
Lotina preparou o partido a conciencia pero, finalmente, as baixas pasáronlle factura. Tampouco contaba o Deportivo co empuxe do Real Madrid, que saíu a dalo todo dende o principio e xa, no minuto 13, se puxo por diante no marcador. Foi grazas a Granero que, de cabeza, bateu a Aranzubía, no segundo pau, despois dun despexe cara atrás de Laure. O tanto despistou o cadro coruñés que non conseguía crear perigo na portería contraria, mentres o gardameta local protexía o resultado con despexes salientábeis. Aínda había opcións para manter a maldición dos madridistas, que non gañaban en Riazor dende 1992, e o Dépor recuperou folgos. Máis non foron suficientes. Benzema volveu descolocalo cun segundo gol ao bordo do descanso. Un bo contragolpe dos visitantes, con Guti de protagonista, deixou só o francés que conseguiu o 0-2 de taconazo. Tras o paso polos vestiarios, os de Lotina equilibraron o partido, xerando situacións de perigo, e Riki, de penalti, apertou o marcador na recta final. Co 1-2, os deportivistas aumentaron a súa intensidade. Con todo, de novo o ex do Lyon, evitou calquera opción de empate. Xa no tempo de desconto, aproveitou un pase de Álvaro Arbeloa para sentenciar o envite. Con este resultado, 1-3, o equipo galego mantense cos 34 puntos en zona europea, a expensas do que ocorra nos partidos deste domingo.
Adrián e Alonso nun momento do partido.
-Deportivo: Aranzubia; Laure, Colotto, Lopo, Manuel Pablo; Juca (Bodipo, min. 86), Antonio Tomás; Juan Rodríguez, Valerón (Iván Pérez; m. 55), Pablo Alvarez (Riki, min. 75); e Adrián.
-Real Madrid: Casillas; Sergio Ramos, Arbeloa, Albiol, Marcelo; Xavi Alonso; Granero, Kaká, Guti; Raúl (Drenthe, m. 79) e Benzema.
-Goles:
0-1 (m.13, Granero)
0-2 (m. 40, Benzema)
1-2 (m. 87, Riki, de penalti)
1-3 (m. 91, Benzema)
-Árbitro: Ayza Gámez (Colexio valenciano).
-Estadio: Riazor. Cheo. Os dous equipos saltaron ao terreo de xogo con camisetas de apoio a Filipe.
Descargar Tarifas