PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
Pide máis pluralismo
Beiras censura a perda de ‘interlocución social’ do BNG

Europa Press O ex portavoz nacional do BNG, Xosé Manuel Beiras, censura a perda de ‘interlocución’ da formación frontista ‘con todo o tecido cívico’ de Galiza, malia as advertencias do Encontro Irmandiño, e reclámalle á dirección nacionalista 'restaurar o pluralismo' no seo da organización.

Reloxo 30.01.2010 | 21:13
TAGS: Beiras , rolda , Rebeldía , BNG , Irmandiño ,

Xosé Manuel Beiras Xosé Manuel Beiras. AGN

Durante o desenvolvemento da 'Rolda de Rebeldía' en Santiago, na que distintos colectivos debateron sobre o futuro do nacionalismo galego de esquerdas e a súa relación cos movementos sociais, Beiras destacou que o obxectivo da corrente 'irmandiña' é "restaurar a vixencia das regras de xogo -que denominou regras 'de ouro'- da coexistencia interna" do BNG, que fixou en principios tales como democracia interna, pluralidade e asemblearismo. "Estamos traballando dentro do BNG lealmente por un proceso de rexeneración", incidiu.

En resposta aos xornalistas, nun receso da xornada previo á súa intervención na mesa redonda, o ex líder nacionalista apostou por "recuperar o proxecto estratéxico do nacionalismo do último terzo de século". Un proxecto que se plasmou nas bases fundacionais do BNG e que se foi vinculizando nos anos 80 e dándolle cada vez máis forma e máis corpo", aseverou.

Así, defendeu que, durante este período, "todas as illas do arquipélago do nacionalismo" articuláronse "nunha soa organización". "Ese proxecto político está perdido", reprobou Xosé Manuel Beiras, e criticou que "está gardado nun caixón" polo que "non é a referencia" da formación actual. "Sen iso, non se fai avanzar un proceso emancipativo e emancipador do nacionalismo", sentenciou.

"Non fixeron caso"

Neste contexto, e se a devandita emancipación "non é posíbel dentro dunha organización determinada como o BNG", para Beiras, "só é posíbel" desde fóra do BNG. Por este motivo, reivindicou o restabelecemento da interlocución co tecido cívico galego, "que está activo e organizado como movementos sociais".

"O BNG perdeuna", reprochou Beiras, en referencia á interacción coa sociedade galega. "Por moito que nós dixeramos que había que recuperala, non fixeron caso", recalcou.

Deste xeito, xustificou que a corrente que lidera, o Encontro Irmandiño, tome "a iniciativa de intentar recuperala". Con todo, matizou que "o que pase de agora en diante dependerá moito máis de todos estes grupos sociais, movementos e até organizacións políticas que participan nisto -polo sistema político social de Galiza-".

"Nós mesmos non podemos asumir un proceso así, sería absurdo, sería unha especie de paranoia", engadiu, para concluír que "hai un exercicio de modestia indispensábel" que é o que leva a cabo o Encontro Irmandiño.

‘Ferramenta útil’

Quen non asistiu á 'Rolda de Rebeldía', por unha afección na garganta, foi o líder de Máis BNG -última corrente constituída no seo da formación frontista-, Carlos Aymerich. De feito, o propio Aymerich, tamén portavoz parlamentario do Bloque, confirmou que non acudiría ao evento durante a súa participación nunha manifestación contra a privatización dos servizos sociais en Compostela.

No seu lugar, expuxo o discurso de Máis BNG Xoán Bascuas, quen resaltou, en declaracións a Europa Press antes de intervir na mesa redonda, que o BNG "segue sendo unha ferramenta útil", aínda que "non a única", porque existen "múltiples canles" para a expresión da participación política cidadá.

Como segunda síntese da súa participación na 'rolda', Bascuas argumentou que a democracia require "unha permanente reflexión e ampliación" para xustificar que se deben utilizar “todos os recursos ao alcance”, entre os que citou as novas tecnoloxías.

Para rematar, en terceiro lugar, recomendou unha "separación" entre os movementos sociais e os partidos políticos pero apuntou tamén a "unha interrelación" de ambos os axentes sociais, que han de "contribuír" á mellora da calidade de vida da cidadanía.

Preguntado polas declaracións críticas do líder do Encontro Irmandiño, Bascuas subliñou que Beiras é un "un dos militantes fundamentais da xeración política da propia organización", polo que o erixiu en "unha das voces máis significativas á hora de formular por onde debe camiñar o BNG".

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río