PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Reganosa ofrecerá subministro ao norte luso
Galiza e Portugal negocian un gasoducto

Europa Press Os Gobernos de Galiza e Portugal acordaron ‘abrir unha axenda’ para negociar entre ambas as dúas administracións a conexión da eurorrexión a través dun gasoduto, de xeito que a planta de Reganosa poida dar subministración ao norte do país luso.

Reloxo 30.01.2010 | 10:46

Instalacións de Reganosa na ría de Ferrol Instalacións de Reganosa na ría de Ferrol. Otto/AGN

Este é un dos compromisos pechados durante a reunión que mantiveron o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixóo, e o primeiro ministro portugués, José Sócrates, no pazo de Sao Bento da cidade lisboeta.

En rolda de prensa tras departir co dirixente portugués, o xefe do Executivo autonómico explicou a formulación de conectar a planta de gas situada en Mugardos para transportar enerxía até o país veciño, un proxecto que se estudará nunha primeira reunión cos responsábeis dos departamentos de Industria e que constitúe a transferencia dunha "infraestrutura clave".

"Está a vontade de chegar a conectar o gas" entre ambas as dúas rexións, manifestou o dirixente autonómico tras declinar ofrecer máis detalles do compromiso, posto que aínda non están estabelecidos.

Protocolo do AVE

Sen deixar o ámbito das infraestruturas, un dos asuntos que marcou a axenda do mandatario autonómico, na que foi a súa segunda visita a Portugal tras visitar Porto o pasado mes de xullo, Feixóo trasladoulle ao primeiro ministro portugués o seu desexo de que asine xunto ao Goberno español un protocolo para poñerlle data ao "inicio" das obras da alta velocidade entre Vigo e Porto e "concretar detalladamente como chegar" ao ano 2015, no que está comprometida esta infraestrutura.

A petición prodúcese despois de que o ministro de Fomento, Xosé Blanco, admitise, durante unha visita á capital lusa o pasado mes de novembro, que "en ningún caso" sería posíbel contar con ese tramo de liña de alta velocidade antes do 2015, cando a data varias veces confirmada polos gobernos de ambos os dous países era 2013, polos cambios na saída sur entre a estación viguesa e O Porriño.

Para o presidente da Xunta, que destacou o "compromiso" de Sócrates coa alta velocidade, é necesario estabelecer "un compromiso de inicio" para as obras da rede ferroviaria que unirá ambos os dous países. "É necesario que Galiza e o Norte de Portugal saiban esas datas", proclamou, e sentenciou: "Nada que non se inicie pode estar rematado".

Co obxectivo de dar un impulso a esta petición, o propio Feixóo comunicaralle este desexo ao ministro de Fomento na reunión que ambos os dous manterán o próximo luns en Madrid e que se corresponde coa comisión de seguimento das obras da AVE, tras o compromiso asinado entre Xunta e Estado no mes de xullo e plasmado no coñecido como 'Pacto do Obradoiro'.

Outras infraestruturas

A maiores, o presidente da Xunta e o primeiro ministro portugués tamén abordaron a necesidade de conectar a plataforma loxística industrial Salvaterra-As Neves coa fronteira portuguesa, así como unir a Ponte da Amizade, en Goián, coa autovía da costa portuguesa.

‘Abrir Galiza até Lisboa’

Co encontro en Sao Bento, ambos os dous dirixentes comprometéronse a seguir traballando para estreitar os lazos, sobre todo no ámbito da eurorrexión e, en concreto, para tratar de manter os fondos interrexionais co obxectivo de continuar o desenvolvemento.

Sen esquecer que Portugal é o principal emisor de turistas a Galiza, Feixóo volveu referirse á importancia de impulsar o territorio norte luso e a Comunidade galega, que suman 6,5 millóns de habitantes, "sen renunciar abrir Galiza até Lisboa".

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río