A. R. . Comezou co domingo fareleiro en Xinzo de Limia. Ábrese a tempada da festa máis ancestral, especialmente no campo. Pero, alén dos coñecidos, hai outros máis bravos e arriscados.
O entroido arrasa as Teixugueiras, no Concello de Cartelle, onde un carro, pexado e tirado por homes derrama as fincas dos veciños máis insolidarios ao longo do ano. En Oimbra, cerca de oitenta adegas abren as portas. Os que queiran acudir ao entroido pantagruélico por excelencia deberán, o luns de entroido, aparecer con ganas de festa á hora do xantar, o demais póñeno os veciños deste concello do val de Monterrei. Pero algúns personaxes desta festa do revés, aínda non reapareceron dende que a guerra civil os prohibira. En Bangueses, no concello de Verea, setenta anos despois, os bonitos adormecen en arcas e artesas á espera de que alguén prenda a chispa de volver darlle vida. Mormentelos, Prado Albar, Manzaneda, A Feira, Castro Barreiro, Portocamba, O Castro, son lugares que aínda seguen entendendo o entroido coma unha festa sen límites, sen ataduras, como unha transgresión necesaria e espontánea. Teixugueiras, onde os homes tiran do carro Fóra do triángulo, denominado máxico, do entroido, celébrase nas Teixugueiras, no Concello de Cartelle, o máis bravo e arriscado ao tempo. Na noite do luns ao martes, os veciños elaboran un meco, que ao día seguinte será portado nun carro que transita polos camiños desta aldea ourensá. Non son bois os que tirarán do carro, senón os homes do lugar, que a modo de cinto enrolan o sedeño a carón do van, para, nun número non superior aos oito, arrastrar o carro de vacas. O que parecería sinxelo a priori, conta cun inconveniente, xa que son os propios veciños os encargados de ir pexando as rodas con estadullos. Todos os anos, máis dun participante acaba no Complexo Hospitalario ourensá, coas costelas rotas, mazaduras e, nalgún caso, sinais no corpo aínda visíbeis anos despois. O carro, no seu camiñar, esnaquiza beiras, muros de peche e plantacións dos veciños que ao longo do ano foran os máis insolidarios, non contribuíndo, por exemplo, con cartos para a festa ou non participando nas actividades do lugar. Non sendo das Teixugueiras non se lle atopa sentindo a este entroido, costa entender unha celebración tan particular. Antonio Vázquez, un dos participantes considera que é un tipo de festa que a vives ou non: “mira, eu estiven con catro costelas rotas hai anos, pero sigo participando, é algo diferente, senón es de aquí non volverías na vida, pero no fondo é unha festa sa, contra os veciños máis rabudos”. A memoria histórica dun traxe nunha arca A guerra civil, sumiu no escurecemento boa parte dos entroidos. Algúns aínda non conseguiron saír desa cova, xa sexa pola desidia dos concellos ou por falla de persoas que poidan achegar datos das celebracións antes dos anos corenta. En Bangueses de Abaixo, no concello de Verea, e a semellanza dos peliqueiros, pantallas ou choqueiros, existían uns personaxes chamados “os bonitos”. Eran a outra cara dos fargalleiros, entroideiros do lugar de Calvos, que sempre rivalizaban. Só existe, que se saiba, un vestido gardado nunha arca deste lugar arraiano. Encóntrase bastante estragado, pero aínda se ve que é de cor branca, con chapeu cheo de espellos e cuns colgantes luminosos que facían dos “bonitos” os traxes máis elegantes da raia seca. Os máis mozos teñen intención de recuperar o personaxe e agardan que este ano –setenta despois da súa desaparición– os bonitos volvan visitar as zonas máis altas do Leboreiro. En Oimbra, a encher Pantagruélico é o día das adegas en Oimbra. Abren as súas portas setenta e catro furanchos, adegas ou simplemente baixos, onde os veciños, e moitos deles colleiteiros de Monterrei, serven de maneira gratuíta viño e comida a todos os que se acheguen ao lugar. Aínda que non é obrigado ir de entroideiro, si é aconsellábel. Pero tan fóra de lugar está, un supermán ou unha princesa, coma o que vai vestido de rúa. É o entroido máis comellón de Galiza, pero sen dúbida tamén un dos máis porcos. Aínda é costume, non abandonada, mexar na perna ou gabán do visitante despistado. O aroma, a ouriños, é perceptíbel en todas as adegas ou arredores desta celebración tan singular. A festa remata cando cadra e os máis mozos atopan tempo para facer unha parada e acudir á baixada da morena a Laza, localidade distante uns dezaoito km. Se o entroido fai ferver o sangue en boa parte do suroeste ourensán, queda máis de un mes por diante de festa sen ladras e especialmente da saída da espontaneidade dos veciños, lonxe do politicamente correcto.
O meco no carro en Teixugueiras (Cartelle)..
Descargar Tarifas