Maragall, na presentación do libro Utopia.
O Ateneu Barcelonés publicitaba a pasada semana na súa web a presentación da primeira tradución de Utopia, de Thomas More, directamente do latín ao catalán. Non coñecía eu esta novela política do século XVI, que fala da organización social nunha illa imaxinaria, e que ten a particularidade de que foi escrita en latín por un humanista inglés. Así que o principal motivo que me animou a asistir ao acto foi o anunciado debate sobre o sentido da utopía, coa presenza de Pasqual Maragall.
Unha vez alí, comprobei que na mesa de conferenciantes non estaba o ex presidente da Generalitat. “Saíulle un compromiso, está nunha homenaxe a Solé Tura, virá ao final do acto a dicirnos unhas palabras”, desculpouse un representante do Ateneu. E en vez de debate, houbo intervencións individuais.
A sala estaba chea, a concorrencia mesmo asombrou o editor gironí Oriol Ponsatí-Murlà (Accent Editorial), quen recoñeceu que estaba máis afeito a presentar libros con media ducia de persoas. “O de Maragall foi un bo gancho”, pensei para min. En todo caso, o editor amosouse satisfeito de ter entre as mans unha nova tradución de Utopia, xa que a última edición en catalán databa de 1912. “Somos unha cultura que nos podemos permitir unha tradución da Thomas More cada 90 anos”, bromeou.
O escritor Antoni Puigverd fixo unha presentación detallada da obra e do pensamento de More, que comparou nalgúns aspectos con Maquiavelo e co comunismo. E o tradutor da obra ao catalán, Joan Manuel del Pozo, reivindicou a necesidade de poñer en valor as vías non racionais de reflexión política. “As formulacións utópicas non son contrarias á realidade, non hai ideas políticas que non sexan posibles. No libro de More hai propostas que hoxe son reais”, explicou Del Pozo. “Na tradición clásica recorren ás lendas e aos contos. Cando Platón ou Cicerón queren dicir algo superior, crean un soño, un mito. E na tradición relixiosa, están as parábolas. A combinación de racionalidade e soño é a visión máis rica da realidade”, defendeu.
Xa ao remate do acto, apareceu a persoa que moitos estaban agardando, e a expectación foi máxima. Na súa breve intervención, Pasqual Maragall explicou que botaba en falta un pouco de emoción na política actual. “Os políticos de agora son hiperrealistas, os discursos son moi previsibles, un xa sabe como van rematar antes de que acaben. Falta paixón polas cousas nas que se cren. Non nos pagan por ser realistas, temos que ser utópicos!”, e así concluiu, co aplauso dun público agradecido e necesitado de utopías.
Descargar Tarifas