Redacción . O Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de 2007 Agustín Fernández Paz, asegurou hoxe que hai 'motivos moi evidentes' para solicitar a dimisión do conselleiro de Cultura, Roberto Varela.
O autor de 'O único que queda é o amor' e un das asinantes do escrito que pide o cese de Roberto Varela, acusou ao titular de Cultura de “facer consideracións pexorativas” sobre a cultura galega dende que asumiu o cargo e asegurou que a gota que colmou o vaso foi a súa intervención no Fórum da Coruña cunha conferencia “integramente en castelán onde dixo que a cultura galega estaba ensimesmada e acomplexada”. Fernández Paz, que recorda que as opinións persoais de Varela son moi “respectábeis”, explica que o representante da Cultura galega “non pode cargar contra o que di defender”. Na mesma liña o escritor critica ao actual Goberno da Xunta ao comentar o uso do castelán que algúns conselleiros fan en actos oficiais e que dende a Consellaría de Educación todas as actuacións promovidas “tiveron como función limitar os ámbitos da lingua galega”, facendo unha referencia ás bases presentadas do novo decreto do galego no ensino. O novelista proclamou que na actualidade a literatura galega goza dun gran potencial e que os seus creadores “poden compararse sen ningunha diferenza con outras culturas europeas”.
Agustín Fernández Paz
Descargar Tarifas