Eva Estévez . Tarsy Carballas (Taboada, 1934), é unha das científicas galegas con maior proxección e experiencia. Aínda que xubilada, segue en activo no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, centro ao que pertence dende a súa fundación en 1959 e no que desenvolveu numerosos estudos sobre o chan galego. Distinguida recentemente coa Medalla Castelao, confesa que quixo ser xornalista antes que investigadora e que, pese a saber tanto de solo, o coidado das plantas non é o seu.
Tarsy é nome ou apelido? É nome, pero ten a súa anécdota. O nome realmente é Társila, e no Rexistro da Igrexa estou como Társila pero, non sei por que, no Rexistro Civil aparezo como Tarsy con i grego, o cal é totalmente absurdo porque o meu pai nunca deu ese nome. Pero a primeira vez que fixen o documento de identidade apareceu no certificado de nacemento 'María Tarsy Carballas Fernández' e en todos os meus documentos oficiais figuro como Tarsy, polo tanto xa utilizo esa versión... O certo é que nunca me chamaron Társila, sempre me chamaron Tarsi pero con i latino. Estudou Farmacia e Química. Son unha mestura explosiva? Non, para nada. Por que elixiu estas titulacións? Fixen Farmacia polo gusto familiar. Parecía unha carreira moi feminina. A miña familia pretendía que fose a boticaria da miña vila. Tiñamos unha boa relación cun farmacéutico que quería marchar a Madrid e había unha oportunidade de conseguir a farmacia de Taboada. A min non me gustaba nada a carreira. O que eu quería era ser xornalista, e meu pai deixábame, pero daquela había que facer un exame cun temario tremendo de Xeografía, que non era o meu punto forte e deume medo, por iso non fun xornalista. Tamén me gustaban Químicas ou Matemáticas, pero como entón non había moita saída, ao final aceptei o gusto dos meus pais e fixen Farmacia. E Química? A medida que estudaba Farmacia descubrín que me gustaba a investigación e horrorizábame volver a Taboada como boticaria. Díxenllelo aos meus pais e accederon. Entón quedei en Santiago e como tiña claro que non quería depender deles para continuar como investigadora, optei por pedir bolsas. Conseguín unha do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), valorada en 1.000 pesetas, nunha materia que a min non me dicía nada: Edafoloxía, o estudo do solo. Entón o seu 'idilio' co chan é pura casualidade? Nun principio, a min non me gustaba a Edafoloxía pero co tempo collinlle cariño. Gústame moito a paisaxe galega, son unha namorada dela. Nacín rodeada de chousas, de feito o noso parque era unha chousa moi grande onde as nosas nais nos levaba a xogar e cando me adiquei ao estudo do chan decateime de que aquilo era unha marabilla... E iso influíu en min á hora de ver a paisaxe galega tal e como é. Convencinme a min mesma de que un dos compoñentes do solo é a materia orgánica e á súa vez está constituída por compostos orgánicos, e como a química orgánica era unha das materias que a min me apaixoaban, fíxenme a idea de que ao mellor por aí... Ao final fixen a tese nisto. Elixiu a titulación de Química polas circunstancias? Si, aínda que me gustou facela e proporcionoume máis coñecementos. Fíxena porque daquela o Ministerio de Educación sacou unhas bolsas de 3.000 ou 4.000 pesetas ás persoas con premio extraordinario de licenciatura, entón pensei que tiña que facer outra carreira para obter estas bolsas que me permitisen seguir en Santiago sen depender de ninguén. Elixín Químicas porque me gustaba e porque me convalidaban moitas materias. Entón propúxenme que tiña que facer todo o posíbel para acadar o premio extraordinario nas materias nas que tiña que matricularme, e conseguino. Sempre tivo claro que se ía gañar a vida investigando? Si. Había que loitar porque as bolss eran poucas e sempre se favorecía máis aos homes porque se supoñía que eran cabeza de familia. Malia todo nunca me sentín discriminada; tiven que loitar con homes e mulleres. Que tal a docencia? Quedei moi decepcionada co ensino universitario porque o meu esforzo non se reflectía no traballo dos alumnos. Pareceume frustrante. Quedo co labor de ensino que fixen no Consello cos doutorandos, técnicos... Vostede pasou polas distintas categorías científicas do CSIC. En cal se traballa mellor? Cada unha ten a súa cousa. Entre colaborador científico e investigador científico tampouco hai moita diferenza. A diferenza estabelécese cando deixas de ser membro dun equipo para pasar a dirixilo. En 1980 creei o Grupo de Bioquímica do Solo, que era unha materia que estaba moi avanzada na física e na química do chan, pero non na bioloxía. Durante canto tempo dirixiu ese equipo? Dende 1980 até que me xubilei en 2004. Grazas a este grupo puiden facer todo. Cando me xubilei tiven que deixar a xefatura pero o grupo continúa.
Tarsy Carballas.
Está xubilada pero segue en activo?
No CSIC non existe a figura de profesor emérito. Cando me xubilei falábase de que sería bo que a xente que quixer seguir en activo o fixese. Entón eu escribín ao CSIC dicindo que quería continuar. Crearon unha figura, doutor ad honorem, para persoas cunha importante carreira científica que están en activo. Pasei unha avaliación interna e externa que me permitiu seguir durante tres anos, e que prorroguei por tres anos máis e agora está a piques de rematar.
Seguirá coa bata posta...
A bata póñoa pouco porque non me autorizan a estar nos laboratorios sen un seguro de accidentes. A partir dos 70 anos ningunha compañía de seguros o fai, sobre todo para traballar en laboratorio. Iso non quere dicir que non pise o laboratorio, pero para non comprometer os meus compañeiros visítoo pouco. Pero fago moitas outras cousas, participo nos proxectos, vou ao campo a coller mostras e participo en todo. De feito vou pedir de novo que me prorroguen un ano ou dous máis.
En todos estes anos de traxectoria viviu a evolución e os cambios técnicos na investigación en laboratorio...
Cando empezamos tiñamos que construír os nosos propios instrumentos e moitos non vían ben que as mulleres saísemos ao campo para coller as mostras e puxésemos pantalóns para facer este tipo de traballos... Entón as investigadoras estivemos bastante tempo amoladas... pero en canto houbo necesidade de que fósemos, non houbo problemas. Eu formei parte do equipo que fixo o primeiro mapa de solos de Galiza.
Rachou con moitos convencionalismos?
Pode dicirse que si. Sempre crin na igualdade entre homes e mulleres e nunca me cuestionei que fósemos distintos salvo física e xeneticamente. O que pode facer un home pódeo facer unha muller e ao revés. Por iso cando me poñían un obstáculo ría. Tamén teño que dicir que pertenzo a unha xeración e a un lugar, Taboada, no que todos nos tratabamos igual. Eu podía ir a un bar a tomar un café soa... Tiña unha mentalidade moi aberta, unha educación estrita, pero moi aberta nestes aspectos.
Vostede tiña voz ou murmurio naquel entón?
Non presumía de nada. Actuaba. Son unha loitadora no sentido de que digo o que penso. Manifestaba o que pensaba aínda que non gustase. Eu fun rebelde nese sentido, non en ir de feminista ou de machista. Neses temas non entraba.
Na súa época non había discriminación positiva...
Sempre diciamos que ao home se lle supoñían certas capacidades, aptitudes e coñecementos, e as mulleres, ademais, tiñamos que demostralas. Sobre todo porque os tribunais estaban formados por homes... Pero tamén hai persoas que se deixan ir. Moitas mulleres non aceptan certo tipo de cargos de responsabilidade porque inclúen moitos problemas e tempo. En xeral, ás mulleres gústanos máis a investigación que a xestión. Conciliar a vida familiar coa investigación e a xestión é complicado. E iso non se reflicte nas estatísticas: moitas veces as mulleres non aceptan os cargos directivos non porque non se lles ofrezan, senón porque non queren. Estiven como directora do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia oito anos porque ninguén quería o cargo.
Vostede estuda o solo...
Todos os aspectos relacionados co solo, e con maior incidencia a súa materia orgánica.
Para moita xente, o chan pode ser un sentimento como a morriña, riqueza, territorio...
Que é para vostede o chan?
(Risas) Para min o chan é un recurso natural dificilmente renovábel, porque un solo cando se destrúe por erosión tarda millóns de anos en volver formarse. E entendo o solo en conxunto coa vexetación, porque son dous recursos interdependentes, non existe o un sen o outro. Confeso que en certo modo o sentimentalismo influíu en min para que me acabase gustando a Edafoloxía. O solo no é un sistema inerte, é un sistema vivo onde se producen continuamente millóns de procesos físico-químicos e biolóxicos.
Que lle debemos a vostede?
Cando entrei no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia a Edafoloxía estaba iniciándose en Galiza e no Estado. Eu estudei os chans ao mesmo tempo que o facían os meus xefes. Fixemos o mapa do solo de Galiza estudando a morfoloxía (física, química) dos solos e a orixe para facer a clasificación e ter unha visión de conxunto do que hai aquí para dar información do mellor uso ou destino para cada terreo.
Agora traballa nos efectos dos incendios sobre o solo...
En 2007 queimáronse 300.000 hectáreas co lume. A nós, que xa viñamos observando o problema dos incendios, aquilo pareceunos pavoroso porque detrás dos incendios viña a erosión e o arrastre de solo, perda e diminución da profundidade, limitacións para o crecemento da vexetación. Vimos que as repercusións dos incendios eran tremendas e que as administracións non reaccionaban. Entón decidimos facer un estudo da erosionabilidade dos solos de Galiza con ou sen incendios e o perigo que había no caso de que se producise un incendio de aumentar esa erosión. Foi un traballo que fixemos co obxectivo de poñelo en mans de todos os políticos para que reaccionasen.
Que pasou?
Nin sequera deron acuse de recibo. Entón pedín facer o primeiro proxecto sobre incendios, que estudase o efecto do lume sobre as propiedades do chan. Pero en Galiza foron moi pouco sensíbeis. Eu pedía no 1990 540.000 euros para facer un proxecto en tres anos pero concedéronme 120.000 euros, ao que contestei que a Xunta tiña moi pouca sensibilidade cun proxecto que podía predicir o que podía pasar co chan en caso de incendios. Hai que darlles as axudas ás investigacións que teñen unha saída, unha aplicación. Entón pedín axuda en Madrid e déronme os 540.000 euros e na Xunta concedéronme 240.000 ao ano seguinte co que ampliei o proxecto até a restauración de chans queimados.
Isto de chamar ás portas das administracións queima?
Si, porque non nos fan caso ningún. No 1995 dixémoslles o que tiñan que facer inmediatamente despois do incendio que é protexer o solo, porque estudamos as técnicas para facelo. E no 2009 a UE aínda está estudando a que será a normativa para a protección dos solos que xa tería que estar publicada hai unha década.
Como é o chan de Galiza?
Galiza ten os solos moi pobres por falta de nutrientes. O 75 por cento dos solos son ácidos aos que lles faltan elementos nutrientes na cantidade suficiente. Seino porque a miña tese é sobre o níquel e nos solos nos que hai moito níquel a produtividade é case nula.
Entón por que se desenvolve tan ben a vexetación?
Pola choiva. Temos un sistema de precipitacións moi ben distribuído ao longo do ano e non hai períodos de seca prolongados. Tamén temos moitas leguminosas, que son plantas fixadoras de nitróxeno. O nitróxeno é o principal nutriente das plantas.
Como deberiamos protexer o noso chan?
Con capas de vexetación. O solo non debe permanecer espido moito tempo, porque as primeiras choivas lévano todo. A vexetación protexe o chan do efecto da choiva, frea a auga e aminora a erosión. As cubertas vexetais herbáceas medran axiña e teñen moitas raíces, por iso son as máis aptas para a recuperación de chans erosionados polo lume. Podo asegurar que nos anos 60 e 70 traballei con solos cun metro de profundidade que hoxe teñen as rochas ao aire.
Algún sistema de prevención de incendios?
O meu grupo xunto co da profesora Paz Andrade –da Facultade de Física da Universidade de Santiago– deseñamos uns sistemas de prevención, loita e recuperación de terreos e conseguimos dar co índice que mellor predí o risco de incendios en Galiza. No ano 2006 predicímoslle á Xunta co noso mapa os perigos de lume e despois de producirse comprobamos que todos os lumes rexistrados estaban situados nas zonas que nos situaramos en perigo extremo. Tamén temos un sistema que xestiona os recursos humanos, aéreos e terrestres para a extinción. Pero a Xunta non quere saber nada de nós, de feito non renovou un convenio que tiñamos.
Teñen máis éxito fóra das nosas fronteiras?
Non o sei. Polo de agora estamos traballando nun sistema de prevención de incendios para Asturias, Cantabria e o Norte de Portugal pero no sei se se chegará a aplicar.
Que afeccións ten?
Ler, escoitar música clásica e viaxar. Coñezo todos os continentes agás Oceanía. Participar en congresos internacionais permitiume participar en excursións para coñecer as características dos solos de cada zona.
Vostede foi a primeira muller que ocupou o cargo na xunta de goberno da Asociación Internacional de Científicos do Solo...
Si. Eu no momento non lle dei moita importancia a este feito, pero parece que a tivo. Elixíronme por maioría como vicepresidenta da Comisión de Química desta asociación.
Que tal se lle da a xardinaría?
Fatal.
Aceptaría un cargo de ministra ou conselleira de Ciencia?
Non. Encántame a política e gustaríame ser parlamentaria se non tivese que pertencer a un partido político para poder dicir catro cousas. Gústame a política e cando voto fágoo sendo consciente da importancia que ten o meu voto pero non aceptaría un cargo así. Son presidenta do Consello Asesor da Ciencia e Tecnoloxía a petición do ex director xeral de I+D+i, Salustiano Mato, cargo que aceptei porque non é político e porque ten a misión de asesorar na redacción do Plan Galego de I+D+i e me permite dar ideas e estar ao día nas problemáticas da Ciencia e dos científicos.
Como viviu que a designasen Medalla Castelao?
Cando me chamaron para dicirmo non o podía crer. Gustoume pero teño que recoñecer que me estrañou que ma concedesen. Nunca pensei que dese o perfil para optar a este máximo distintivo da Xunta. Pero estou moi agradecida. Tamén teño que dicir que admiro a obra de Castelao, sobre todo as súas caricaturas que tan ben recollen como era a vida dos galegos no século pasado.
Descargar Tarifas