Redacción . A nova montaxe do Centro Dramático Galego (CDG), 'As actas escuras', foi seguida por 1.252 espectadores nos seus primeiros pases no Salón Teatro de Santiago. Segundo a Agadic, (Axencia Galega das Industrias Culturais) esta obra sitúase entre as de maior ocupación das exhibidas pola compañía pública de teatro nos últimos anos.
Esta primeira posta en escena da obra escrita por Roberto Vidal Bolaño, dirixida por Xúlio Lago, estreouse o 15 de xaneiro e permanecerá en cartel no Salón Teatro até o 7 de febreiro. Entre os máis de 1.200 espectadores desta obra están numerosos estudantes de institutos que acudiron aos pases matinais da obra. De feito, un total de 10 centros de ensino de toda Galiza xa formalizaron a súa inscrición para asistir ás funcións escolares dos mércores e xoves. As funcións para o público en xeral son os venres, sábados e domingos. A trama de As actas escuras recolle unha investigación encargada polo cardeal Payá de Rico sobre o redescubrimento dos restos do Apóstolo na Compostela de finais do século XIX, no que a ocultación da verdade e o sentido da ética son os temas de fondo e a mensaxe desta obra que nesta montaxe conta cun elenco formado por 12 actores e actrices da escena galega: César Cambeiro, Ursia Gago, Jouse García, Mónica García, Teté García, César Goldi, Xoán Carlos Mejuto, Fernando Morán, Rodrigo Roel, Pepe Soto, Agustín Vega e Marcos Viéitez.
Escena de 'As actas escuras' do director Xúlio Lago.
Descargar Tarifas