Manuel Vilas . Ten razón o PP cando di que non privatiza Mancomun.org porque co bipartito só había un portal da internet?
A Xunta nega que privatice Mancomun.org, como informou A Nosa Terra, alegando que este departamento a prol do software libre creado polo bipartito non é máis que un portal da internet. O Goberno acaba de lanzar un concurso polo que unha empresa, a cambio dun máximo de 171.000, asumirá as tarefas que antes facían técnicos contratados a través do CESGA para Mancomun.org. ANT dálle voz a tres dos grupos de usuarios de Linux do país. O obxectivo, avaliar se o Goberno ten razón ao criticar o desleixo de Mancomun.org co bipartito. Ademais, os colectivos de activistas analizan o labor dos conservadores nos once meses que levan no poder. Aínda que GLUG, GALPon e AGNIX difiren no grao de crítica á privatización, todos coinciden en denunciar a diminución do apoio ás aplicacións abertas. Ademais, confirman que Mancomun.org era, cando menos co bipartito, moito máis que un portal institucional. ANT tentou recabar a postura doutros grupos de usuarios de Linux en Galiza e da patronal do sector AGASOL, mais polo de agora non foi posíbel recoller a súa opinión.
Denís Fernández, voceiro do GLUG.
1 / 2
O presidente do Grupo de Usuarios da Galiza (GLUG), Denís Fernández, argumenta que “a afirmación de que foi 'soamente unha páxina web' só pode ser considerada certa se pensa no Mancomún do Goberno do PP, quen logo de paralizar prácticamente todas as iniciativas e despedir ou non renovar os contratos da maioría do persoal, despoxou a Mancomún de todo contido”.
Malia sinalar “algunhas cuestionábeis actuacións” de Suso Baleato, o coordinador durante o bipartito, Fernández gaba o “gran número de iniciativas” creadas ao redor de Mancomun.org.
“O software libre, dende as eleccións, ven de pasar a un papel testemuñal, onde o Goberno cumpre cos mínimos imprescindíbeis porque sabe que é un tema politicamente correcto que non se pode permitir ignorar, pero no que non está disposto a investir mais esforzos dos que as aparencias lle esixan”, destaca o voceiro do GLUG .
Fernández pídelle ao PP que deixe de “desmontar proxectos e infraestrutura sinxelamente por seren 'dos outros'” e advirte que os voluntarios están a asumir xa o labor da oficina gubernamental.
Antonio Castro, presidente de AGNIX, dise “contento” pola continuidade de Mancomun.org. Iso si, esixe que “non chega con que sexa só un portal ou unha oficina, ten que haber unhas iniciativas de educación e de apoio de software libre para empresas e administración”.
Ao igual que GLUG e GAPON, AGNIX sinala que co PP “o tema está un pouco parado, desexamos que mellore no futuro”.
O compromiso real do PP verase nos computadores das escolas
En particular, demanda que a consellaría de Educación aposte polas ferramentas libres. Castro sinala que as ducias de miles de computadores que se van mercar a medias co Estado a través do macroprograma Escola 2.0. deben incorporar código aberto “para que os pequenos teñan unha educación baseada no software libre e non nun sistema privativo”, en referencia ao case monopolio de Microsoft nas aulas.
AGNIX demanda que “a Xunta introduza nos seus escritorios software libre para dar exemplo, en lugar de pagar licenzas a unha empresa foránea”.
O Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon) tamén ofrece unha versión crítica da privatización. Non tanto polo cambio de modelo, senón porque se reduce o orzamento.
Segundo fontes do anterior Goberno, Mancomun.org contaba con 600.000 euros co bipartito, mentres a empresa que controle a nova Oficina Técnica cobrará só 150.000 euros, dos que ademais deberá reservar unha parte para o seu lucro.
Así, Carlos Rodríguez, voceiro de GALPÓN, destaca que “se ben é certo que as cousas públicas ás veces van peor que as privatizacións, hai outras veces que ocorre o contrario. O que sabemos é que o orzamento é moito menor e que os recursos son menores polo que deducimos que a oficina de Mancomun.org fará menos cousas”.
Rodríguez é moito máis contudente á hora de criticar o labor do PP nos once meses de Goberno conservador. “Notamos un parón bestial dende o ano pasado en referencia ao apoio (...), os grupos seguen a traballar ao seu ritmo pero o clima de desconfianza é moi alto”.
GALPÓN concede un voto de confianza ao novo modelo do PP, pero nega que Mancomun.org fora só unha web pois, entre outras funcións, actuaba como referencia institucional dun sector aínda moi inmaduro.
Descargar Tarifas