PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
O vindeiro sábado en Santiago
Aymerich e Beiras na 'Rolda de Rebeldía'

Europa Press O modelo de organización política no que debe constituírse a esquerda social, o divorcio existente entre a cidadanía e a esquerda ou a creación dunha masa crítica serán algúns dos asuntos que se someterán a debate nas xornadas da 'Rolda de Rebeldía' o vindeiro sábado en Santiago de Compostela e nas que participarán Xosé Manuel Beiras e Carlos Aymerich.

Reloxo 27.01.2010 | 19:26

Roberto Mera, Carlos Aymerich, Xosé Manuel Beiras e Francisco Jorquera no Consello Nacional Roberto Mera, Carlos Aymerich, Xosé Manuel Beiras e Francisco Jorquera no Consello Nacional. AGN

Tras realizar un chamamento aos movementos sociais e á cidadanía en xeral para tender pontes e "reconstruír o nacionalismo de esquerdas", a corrente liderada polo ex portavoz nacional do BNG Xosé Manuel Beiras, o Encontro Irmandiño –integrada no Consello Nacional– propón discutir se a cidadanía ve "operativo" organizarse nun partido clásico.

Co obxectivo de que o sábado se produza un "gran debate" en Galiza no marco do camiño fixado para a "reformulación do proxecto político de esquerdas" que esta corrente se marcou e que denomina 'Rolda de Rebeldía', os organizadores presentaron en rolda de prensa o programa definitivo deste encontro, no que o líder da UPG, Francisco Rodríguez, non participará finalmente tras rexeitar a invitación.

O obxectivo das xornadas radica, deste xeito, en "dar resposta práctica á crise de credibilidade e funcionamento efectivo dos partidos e a esquerda clásica". Ademais, o foro, que se programou aberto á participación e achegas de toda a cidadanía, expúxose como unha reflexión ao redor da esquerda "homoxénea", tal e como explicou a Europa Press un dos organizadores, Manoel Santos, quen recalcou que non se trata dun debate interno do Bloque Nacionalista Galego –no que se integra unha gran parte dos participantes–.

Entre as cuestións que se abordarán atópase a reflexión sobre se se debe construír un novo referente-suxeito político-social; como crear canles de comunicación, participación e irmandade de esquerdas; ou que mecanismos e accións se deben emprender para profundar na creación de masas críticas que esixan un cambio radical no modelo de sociedade partindo da realidade galega.

Ao finalizar a tarde do sábado, terá lugar un foro de discusión sobre as achegas que se realicen ao longo da xornada no que está previsto que participen o ex portavoz nacional do BNG e membro do Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras; e o portavoz parlamentario do BNG e líder de MáisBNG, Carlos Aymerich.

Nesta mesma parte está previsto que tamén participen membros de formacións como o propio Movemento Galego ao Socialismo, Movemento pola Base, Causa Galiza, Esquerda Unida ou o Partido Comunista do Povo Galego (PCPG).

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río