PUBLICIDADE
Luns, 15 de marzo de 2010
Comarcas de Galiza
Ordes, encrucillada dos camiños inglés e francés

M. B. Ordes é enclave estratéxico desde a Idade Media. Ten moito que ver, desde os vestixios históricos até as construcións da vida cotiá, como muíños e caneiros.

Reloxo 28.01.2010 | 07:30
TAGS: cerceda , frades , mesía , ordes , oroso , tordoia , trazo ,

Casa das Mouras Casa das Mouras. Grupo XEA Esquerda   1 / 4  Dereita  

A comarca de Ordes está integrada polos concellos de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo. Na súa superficie, que abarca máis de 755 km², esparéxense ao redor de 38.000 habitantes e, dentro do seu patrimonio histórico artístico, poden toparse dolmens, castros, igrexas románicas e barrocas, numerosos pazos, batáns, muíños e caneiros.

Polo seu carácter estratéxico, foi unha terra cobizada historicamente por señores e poderes eclesiásticos. Durante a Idade Media formaron parte do Condado de Trastámara e a súa historia desenvolveuse ao redor do Castelo de Masía. Por elas atravesa tamén a ruta xacobea coñecida como Camiño Inglés, que arribaba nos portos da Coruña e de Ferrol no seu periplo cara Compostela. Conserva un rico patrimonio etnográfico testemuña da importancia que noutros tempos tivo a enerxía hidráulica.

Cerceda

O territorio está formado por unha ampla superficie arrasada no Terciario formada por xistos, rodeada no norte e leste polas serras graníticas de Xalo e Montemaior. As súas características chamaron a atención de pobos prerromanos que estabeleceron nos seus límites asentamentos dos que aínda hoxe se conservan restos. Este é o caso do castro de Coto de Guichar, na parroquia das Encrobas, e do castro de Cerceda, no que se topou un torques de ouro, na actualidade exposto no Museo Provincial de Lugo.

Tanto o patrimonio relixioso, con exemplos como o da igrexa de San Martiño de Rodís e San Román das Encrobas (con características románicas), como o civil ocupan un lugar destacado dentro do concello. Neste último apartado, os pazos érguense como o herdo da arquitectura tradicional da zona. Uns dos máis destacados son o Pazo de Boedo, declarado Ben de Interese Cultural, do que só se conserva un caseirón cun par de chemineas, e o Pazo Torre de Gontón das Encrobas, cunha torre de orixe medieval.

Ademais da área recreativa de Queixas, no Lengüelle, pode visitarse no concello o Museo do Moucho, inaugurado en decembro de 1994, cunha exposición de máis de 5.000 pezas, entre as que se inclúen esculturas, cadros, libros, xoias e vidreiras, relacionados con este animal, así como o Ecomuseo, de carácter interactivo que lle permite ao público achegarse ao medio ambiente, a historia e a evolución económica do concello.

Frades

Foi vía na época romana, como testemuña a vía construída para paso de mercadorías e persoas, e nos seus pazos pernoctaron nobres do século XVII no seu camiño a Santiago. Mariana de Neoburgo e o seu irmán foron uns deles, tal e como se pode ler na inscrición de 1690 colocada no lintel do Pazo de Galegos.

Pero ademais de pazos, o patrimonio de Frades engrósase con igrexas como a de Céltigos, na que apareceu no arco de entrada ao presbiterio unha pedra cunha inscrición do século X, probabelmente do templo primitivo, ou a de San Nicolás, no alto do monte do mesmo nome, rodeada de carballos.

Os espazos de interese natural, segundo destacan os autores do volume, localízanse nos arredores dos ríos, onde se habilitaron áreas recreativas e rutas para facer a pé. Tamén se puxo en marcha no concello un museo etnográfico, que reúne moitos dos útiles e ferramentas do campo e fogar empregadas durante anos na comarca.

Mesía

A maior parte do concello está ao redor da cunca do Tambre, un enclave estratéxico que foi cobizado durante a Idade Media por señores feudais e polos poderes eclesiásticos. A súa importancia débese a que formaba parte do camiño das Mariñas a Compostela, pola que discorría boa parte do comercio europeo que descargaba nos portos brigantinos. Desas loitas foi testemuña a torre-fortaleza de Mesía, datada a finais do século XIII e principios do XIV, na actualidade en ruínas, situada no lugar da Proba.

Entre os enclaves naturais vinculados ás canles fluviais cómpre destacar a fonte da Xesteira ou da Veiga, en Albixoi, a carón do rego da Fervenza, afluente do río Gaiteiro. Funcionou como un rústico balneario até a década de 1960. Un muíño próximo servía de casa de baños. As augas teñen características bicarbonatadas, fluoradas e sódicas.

No concello a explotación de arxila, base dunha importante industria cerámica, está a modificar a paisaxe. Nas escavacións abandonadas fórmanse pozas que co tempo se van naturalizando.

Ordes

Está situado no centro-norte da comarca e ocupa unha superficie achairada coñecida como meseta de Ordes. As principais actividades son os servizos, a agrogandaría, especializada en gando vacún de leite e no cultivo de grelos, e a industria, especialmente téxtil e de móbeis. Entre o patrimonio local, os autores desta nova entrega destacan as igrexas de San Paio de Buscás e San Xulián de Poulo.

Oroso

Como gran parte do territorio galego, as terras que actualmente conforman o concello serviron de asentamento aos pobos que deron lugar á cultura megalítica, que deixou en Oroso un gran número de mámoas esparexidas polas súas parroquias, datadas cronoloxicamente entre o 3500 a.C. e o 1500 d.C..

Andando o tempo, a Idade de Ferro trouxo os primeiros asentamentos estábeis, os castros, que se construíron en zonas elevadas. Está catalogados un total de 16 depósitos castrexos, aínda que ben conservado só se mantén o de Vilalbarro. Nas escavacións que se levaron a cabo neles topáronse muíños de man, cerámica e outros útiles da época. Destaca pola súa importancia o Tesouro do Castro de Recouso, formado por arracadas, cadeas, argolas de entre o século IV a.C. e o I d.C..

Dentro do patrimonio civil cabe destacar a ponte medieval de Sigüeiro, construída sobre o río Tambre, testemuña de importantes acontecementos históricos, dende disputas nobiliarias até as batallas de mediados do século XIX.

Tordoia

Trátase dun concello de gran riqueza arqueolóxica, con máis dunha trintena de depósitos catalogados. Un deles, o Dolmen da Casa da Moura, en Cabaleiros, tense por un das construcións deste tipo mellor conservadas de Galiza. O nome venlle dunha lenda oral que di que no seu interior vivía unha moura que tecía.

Ao redor da coñecida co nome de Pedra Longa existen varias teorías que apuntan que estas rochas elevadas puideron ser abrigo prehistórico ou un menhir. O que si é certo é que a súa singular forma foi artellando ao longo dos século lendas aínda vivas na memoria local.

Trazo

Á beira do río Tambre habilitouse en Chaián unha área recreativa, protexido no LIC Río Tambre, onde se poden realizar diferentes rutas pé. Deste concello eminentemente rural, coa agrogandaría como actividade principal, os autores destacan dentro do seu patrimonio cultural as igrexas de Campo e San Pedro de Benza, o pazo de Vilacova, un batán e varios muíños.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río