Redacción . O portavoz de Presidencia e Administracións Públicas do Grupo Parlamentario do PSdeG, Xosé Manuel Laxe Tuñas, cifrou en máis de seis millóns de euros o gasto da Xunta desde que tomou posesión para a adquisición de 347 vehículos, a maioría deles polo procedemento de renting e leasing, e demandou a comparecencia 'urxente' do conselleiro Alfonso Rueda para explicar este investimento.
O parlamentario socialista puxo de manifesto que, dos vehículos adquiridos, algúns son de alta gama (como catro dos que pertencen a Sogama), polo que censurou a "dobre moral" do Goberno que dirixe Alberte Núñez Feixóo e do propio Rueda, quen "criticaron" o bipartito por ter coches dese tipo.
Xosé Manuel Laxe, deputado do PSdeG.
Neste sentido, tamén lamentou que, mentres compraron vehículos de alta gama e "con tapicería de coiro", 17 coches marca Audi cos que contaba o anterior goberno "seguen nos garaxes sen darlles uso por un capricho electoral" na pasada campaña da carreira para as urnas.
"Os mesmos que falaron de malgaste e sultanato terán que explicar como son compatíbeis esas críticas coa súa acción", manifestou o deputado do PSdeG, quen debullou algunhas das adquisicións realizadas pola actual Xunta, entre as que puxo como exemplo a compra de cinco vehículos de Sogama –un todoterreo de gran cilindrada e catro de alta gama– ou o coche por valor de 40.000 euros para Portos de Galiza.
“Non existe coherencia”
Para o parlamentario do PSdeG, o Goberno de Feixóo non se rexe pola "coherencia" xa que, por unha banda, reivindica un aforro de 500.000 euros coa súa xestión dos vehículos e, por outro, "gástanse máis de seis millóns de euros". "Isto precisa unha explicación", aseverou Laxe Tuñas, quen confirmou que pedirá a comparecencia en pleno de Rueda á vez que rexistrará unha interpelación “para que se dean explicacións por unha vía ou por outra".
Na súa opinión, "non existe coherencia" no Executivo ao demandarlles aos cidadáns que se aperten o cinto" e, paralelamente, realízase o mencionado gasto, máxime cando a adquisición dos vehículos se realiza a través do método de renting e leasing, o que significa que non pasan a ser propiedade da Xunta. "Isto é gobernar por capricho", sentenciou.
Contra a lei de transparencia
Así mesmo, o PSdeG acusou o Goberno galego de ir "en contra da lei de transparencia" aprobada polo Parlamento, posto que os contratos levaron a cabo polo procedemento negociado e non con publicidade. Neste punto, preguntouse por que cada vez que a Xunta adquire un vehículo "aparece sempre o mesmo operador".
O deputado socialista apuntou á existencia de "prácticas non visíbeis" por parte da Xunta, aínda que asegurou descoñecer se existen máis contratos de coches de alta gama por procedementos negociados. En todo caso, instou a que, de existir nalgunha das consellarías, "se regularice".
Descargar Tarifas