Redacción . O Grupo Parlamentar do BNG, a través do seu portavoz de Medios, Anxo Quintana, vén de cuestionar o tratamento informativo da CRTVG á folga no ensino non universitario celebrada o pasado xoves 21 contra o decreto do galego, polo que lle pide ao director da compañía, Alfonso Izquierdo, que dea explicacións na Cámara.
Quintana rexistrou unha iniciativa parlamentar preguntando pola opinión de Sánchez Izquierdo sobre a cobertura informativa, na televisión e na radio públicas galegas, e advirte de que “que haxa pluralidade na información está ben, pero que para informar dunha folga se entreviste máis os contrarios que os favorábeis da mesma parece un exceso manipulador”.
Anxo Quintana e Carlos Aymerich, deputados no BNG, nun Pleno do Parlamento.
O deputado nacionalista lembra que o borrador do decreto do galego provocou a reacción contraria da inmensa maioría da comunidade educativa e do resto da sociedade galega, “como evidenciou a multitudinaria manifestación celebrada ese mesmo día en Santiago de Compostela”.
O parlamentar considera que independentemente da valoración que lle mereza a cada quen o borrador do decreto ou as manifestacións de quen se opoñen ao mesmo, “o certo é que a cuestión en si centrou boa parte da axenda informativa do país durante varios días, e por tanto, cumpría unha cobertura acorde coa súa importancia, e rigorosa cos feitos”.
Descargar Tarifas