PUBLICIDADE
Venres, 19 de marzo de 2010
BLOG ALEXANDRE MÍNGUEZ
Alexandre
Mínguez
Xornalista
Aínda quedan exemplares deste excelente cogomelo
Trompeta dos mortos en xaneiro
Fotografiado e recollido nesta pasada fin de semana de finais de xaneiro, 23 e 24 na bisbarra ourensá de Celanova.
 25.01.2010 | 12:22

Craterellus cornucopioides Craterellus cornucopioides. A.Mínguez Esquerda   1 / 2  Dereita  

Cogomelo único no seu xénero, coñecido popularmente como "Trompeta dos mortos", xa que presenta un aspecto en forma de funil moi peculiar e coloración escura. Cientificamente recibe o nome de Craterellus cornucopioides.Recollido na bisbarra ourensá de Celanova nesta pasada fin de semana de xaneiro, soportando xeadas e fríos.

É abundante en toda Galicia e moi apreciado en cociñas de medio mundo, tratándose dun excelente comestible, ao que non lle fai xustiza o nome popular referido. En distintas zonas recibe tamén o nome popular de “Cantarela moura”. Está incluído dentro dos cogomelos medicinais polas súas propiedades hipoglucemiantes.

Trátase dun cogomelo de 5 a 10 cm de altura e de 2 a 6 cm de diámetro de sombreiro. Ten forma de trompeta, cunha cavidade central que chega ata o fondo do pé. A beira é ondulada e afinada. A tonalidade é variable, dende un gris ou pardo, ata case negro, en función da auga que reciba.

A parte correspondente ás lamelas, que non son tal, senón himenio, é primeiro lisa e vai engurrándose lonxitudinalmente, de cor gris ou parda. A medida que madura vólvese máis clara polas esporas.

O pé está unido ao sombreiro e forma en ocasións un todo. Coa base atenuada, está oco, da mesma tonalidade que o resto do cogomelo.

A carne é escasa e elástica, moi delgada e firme, de cor gris ou negra. Bo olor e sabor a especias.

Aparece en bosques de frondosas, carballeiras, faias e castiñeiros con terreos húmidos. En zonas onde aparece, faino en grupos moi numerosos, formando ramalletes negros dignos de ver. Na zona de Cartelle (Ourense), crece todos os anos baixo bosque mixto en grandes cantidades.

Excelente comestible. Trátase dun cogomelo que pola pouca carne que ten aprovéitase para desecar e moer como especia e, posteriormente, empregar en distintos pratos. Aguanta as xeadas e podemos atopalo incluso en xaneiro. Cotízase caro. Existen diversas receitas na bibliografía culinaria e micolóxica sobre este cogomelo, acompañando a un bacallao ou a unha vieira ou formando parte dun revolto de cogomelos de tempada.

http://www.facebook.com/?ref=home#!/pages/Setas-de-Galicia/303859849330?ref=mf

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río