PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Efectos da crise
Catro das seis comunidades onde máis medra o paro están gobernadas polo PP

Xurxo González Feixóo atribúelle agora o desemprego en Galicia ao Goberno central, cando na precampaña das autonómicas acusaba o bipartito

Reloxo 24.01.2010 | 08:11

Oficina de emprego da Xunta Oficina de emprego da Xunta. Paco Vilabarros

Que o paro se utiliza como arma política, non é novidade. O interesante está no cambio de perspectiva dos líderes políticos sobre o fenómeno do desemprego. Alberte Núñez Feixóo incidía o 21 de xaneiro de 2009 en que “Galicia está sumida no paro e na decadencia política e económica pola ausencia de capacidade de xestión do bipartito”. Eran os tempos da precampaña das autonómicas. Xa como presidente, o 25 de xullo a cuestión pasaba a ser sobrenatural, ao pedirlle axuda ao Apóstolo Santiago para os máis desfavorecidos e inspiración para o seu goberno. O 14 de xaneiro de 2010, Feixóo, nun novo xiro, advertía que “culpar do paro ás autonomías é presupoñer que en España non hai Goberno central”.

O presidente precisou emendarse a si mesmo para defenderse das acusacións de Manuel Vázquez, secretario xeral do PSdeG, quen opinou que o aumento do paro en Galicia coincidiu coa chegada de Feixóo á Xunta. O líder do PPdeG lembrou que en Galicia o desemprego aumentou un 17% en 2009, mentres que a media Española situouse en preto do 25%.

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego ascendía, ao final de decembro de 2009, a 222.839 persoas, o que supón un aumento no último ano de 32.936. Galicia colócase así como a segunda comunidade onde menos medrou o paro en termos relativos. Só a supera nesta clasificación Estremadura, cun 15,11%. Estes datos favorecen a Feixóo, pero non así os do aumento do desemprego no mes de decembro en relación ao de novembro.

Os sindicatos advirten de que a tendencia dos últimos meses é moi preocupante. UGT alertou de que a cifra de parados en Galicia ao final de 2009 devolve á comunidade aos datos de marzo de 1996. A central incidiu tamén en que Galicia está entre as cinco comunidades cun maior incremento absoluto do desemprego entre novembro e decembro, máis de 6.000 persoas. Esta cifra supón un aumento do 2,77% cando no mesmo mes a media española limitouse ao 1,42%. UGT considerou “evidente que se pode e se debe facer máis para saír da crise”. A CIG incidiu nas peculiaridades da comunidade, xa que “os efectos beneficiosos das tibias medidas do Goberno estatal non son cen por cen efectivas en Galicia”.

Catalunya, Valencia e Madrid, entre as máis prexudicadas

Seis comunidades superaron o 30% de aumento do paro en 2009. Catro delas están gobernadas polo PP (Madrid, Comunidad Valenciana, Murcia e La Rioja), unha polo PSOE (Aragón) e a última, Catalunya, por unha coalición encabezada polos socialistas. As súas respectivas oposicións, incluído o PP alí onde representa este papel, non seguen a última doutrina de Feixóo de exculpar os gobernos autonómicos do desemprego.

Algúns analistas afirman que as comunidades máis activas son as máis sensíbeis ao desemprego. Un exemplo desta teoría constitúeo Catalunya, que é a segunda comunidade, logo de Andalucía, con máis parados, 562.000 (tamén conta con máis poboación que outras comunidades). A pesar de posuír unha economía diversificada, baseada nos servizos e nunha potente industria, o emprego caeu en 2009 en todos os sectores.

O Goberno catalán afirma que o aumento do desemprego se debe a que “tamén é a comunidade onde se xera máis ocupación”. Así, nesta argumentación, as rexións con poboación activa máis nova e que no seu día recibiron máis inmigración son as que agora aumentan con máis forza as listas do Inem. Estremadura, Galicia ou Asturias están por debaixo da media porque acolleron menos estranxeiros contan con poboación máis envellecida.

Sexa certa ou non esta teoría, o certo é que as comunidades que máis están a sufrir os incrementos do paro son aquelas que máis apostaron por un modelo de crecemento baseado en servizos de pouco valor engadido (turismo, por exemplo) e na construción e as súas actividades auxiliares. Neste sentido é paradigmático que a clasificación de destrución de emprego en 2009 estea encabezada por Murcia e a Comunidade Valenciana, cun 34% e un 33% máis que en 2008, respectivamente. Trátase das dúas comunidades onde o poder do PP vén sendo maior e máis estendido no tempo.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río