PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Cifra o seguimento da folga nun 90% e en 60.000 os manifestantes
Queremos Galego enche a praza do Obradoiro

Manuel Vilas A Policía Local reduce a protesta a 30.000 persoas e a Xunta a folga a 'menos do 50 por cento'. Con todo, a loita a prol da lingua galega colleita o seu terceiro éxito en poucos meses, tanto no número de manifestantes como na diversidade ideolóxica dos colectivos que a apoian.

Reloxo 21.01.2010 | 11:44

Manifestación de 'Queremos Galego' contra o 'Decreto do Plurilingüismo'. Bocixa Esquerda   1 / 19  Dereita  

A Plataforma Queremos Galego conseguiu encher a Praza do Obradoiro nun día laborábel. Miles de cidadáns pediron a retirada do 'Decreto do Plurilingüismo', que reduce o mínimo de clases en galego do 50 ao 33 por cento.

Difícil chegar ao Obradoiro

É difícil comparar esta protesta coa do domingo 18 de outubro, que ateigou varias veces a Praza da Quintana. Con todo, os cidadáns –entre os que había unha enorme cantidade de mozos e profesores que secundaron a folga no ensino– completaron o aforo do Obradoiro.

Esta praza non se ateigou até os topes, pero moita xente non chegou a tempo de ver concluír o acto por mor do tráfico (até 45 minutos dende a sáida da autopista até o centro) e da multitude na zona vella.

A Policía fala de 40.000 persoas

Os organizadores dan unha primeira cifra de 60.000 persoas.  A Policía Local redúcea até 40.000.  “O galego une, o PP separa” e “Nunca Máis!” foron algúns dos berros máis coreados nunha protesta sen incidentes.

No inicio da protesta as 11h30 a Alameda estaba colapsados por mozos e profesores de toda Galiza en protesta contra o decreto lanzado o 30 de decembro pola Consellaría de Educación. Este texto deixa aos pais elixir a lingua nalgunhas asignaturas, fixa un 33% en inglés, reduce o mínimo do galego e permite que os nenos escollan o idioma á marxe da lingua da clase.

Máis presenza nacionalista que socialista

Á cabeza da manifestación, tras unha pancarta na que se pode ler 'Paremos o decretazo contra o galego', ían algúns dos responsábeis das máis de 600 diferentes entidades culturais e políticas da plataforma. Entre eles, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez; o voceiro de Queremos Galego, Fran Rei; e os representantes da CIG, Suso Seixo, e da CIG-Ensino, Anxo Louzao.

Entre a multitude atópanse a totalidade da cúpula do BNG, e tamén algúns dirixentes do PSdeG –incluída a presenza do secretario xeral, Manuel Vázquez.

NULO SEGUIMENTO NA PRIVADA SEGUNDO A XUNTA
O Goberno Galego cifra a incidencia da folga en menos do 50%

Malia que a organización e centrais sindicais cifran no 90 por cento o seguimento da folga, a Xunta resaltou que a incidencia se situou por baixo do 50 por cento, segundo os datos provisionais facilitados a Educación polas súas xefaturas provinciais até as 12h00 .

En datos posteriores o Goberno dixo que "en Ourense, co 100% dos colexios escrutados, o 44% do profesorado seguiu o paro; en A Coruña, co 70% dos centros escrutados, secundaron á folga o 47 %; en Pontevedra, co 70% escrutado, un 50% foi á folga; e, en Lugo, co 90 % escrutado, participaron o 35%". A administración presume que ningún profesor da privada foi á folga.

Deste xeito, a Administración educativa explicou que o dato, que se refire só aos centros públicos, "indica que a maioría absoluta dos profesores acudiron con normalidade a clase neste día de folga preventiva convocada e secundada por algúns sindicatos".

Neste sentido, Educación resaltou que "a totalidade dos centros educativos" abriron as súas portas e impartiron "maioritariamente" as clases "como nun día normal".

A consellaría concretou que onde a folga foi seguida, os escolares "foron igualmente atendidos" polos servizos mínimos establecidos en cada centro. Ademais, puntualizou que o transporte e os comedores escolares "tamén funcionaron con total normalidade".

DISCURSOS DENDE O ESTRADO DE QUEREMOS GALEGO
Chamamento á 'desobediencia' civil se o PP non rectifica

“Cantos extremistas, canta xente ensimesmada (...), cantos viñestes forzados, cantos coacionástedes aos vosos compañeiros para vires?”.

Así comezou a alocución final da protesta o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. Carlos Callón ironizaba sobre as acusacións do PP , sobre supostas ameazas de persoas de Queremos Galegos para forzar aos profesores a facer folga.

Callón advertiulle a Xunta que a Plataforma chamará a “desobediencia civil” se non rectifica. O responsábel da maior organización a prol do galego lembroulle ao Executivo que non hai ningún colectivo a prol do decretazo, salvo os directamente vinculados aos conservadores.

Catro dos cinco sindicatos máis relevantes no ensino

Esta é a terceira gran manifestación contra a política lingüística de Alberto Nuñez Feixóo. Todas elas foron un éxito, tanto no número de participantes como na pluralidade das organizacións que a respaldaron.

E é que, ademais dos nacionalistas CIG e STEG, tamén os sindicatos Comisións Obreiras (próximo a Esquerda Unida), UXT  (próximo ao PSdeG) e os anarquistas da CNT sumáronse á folga. A ANPE (próximo ao PP) non se sumou á folga, pero tamén critica o Decreto.

Subtítulos para preescolares

Callón argumentou que en todas as autonomías con lingua propia hai cursos con máis aulas na lingua autonómica que en español. Isto sucede mesmo en Valencia, gobernada polo PP. Trátase dunha discriminación positiva que está avalada en numerosas sentencias do Tribunal Constitucional.

O líder da Mesa tirou dos Telettubies a modo de exemplo. Tras a vitoria conservadora, a CRTVG deixounos de emitir en galego. Segundo Callón, a televisión pública do país é a única do mundo que os emite en inglés subtitulados, malia estar feitos para nenos que aínda non saben ler.

Craig Patterson, o máis aplaudido

Pola súa banda, Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, o sindicato maioritario no ensino público galego, pediu ao presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixóo, unha reflexión e a retirada das bases do decreto porque, na súa opinión, o texto actual non garante que o alumnado teña competencias en galego”.

Fran Rei, voceiro da Plataforma Queremos Galego, animou dende o Estrado ao público a pedir a dimisión do Conselleiro de Educación. O máis aplaudido foi Craig Patterson, presidente da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), que denunciou que os profesores de inglés non teñen recursos abondos neste intre para mellorar o ensino desta lingua. Patterson tamén lembrou que a Xunta reduciu o número de profesores nas Escolas Oficiais de Idiomas.

A protesta foi animada por Xosé Lois O Carrabouxo e utilizou como imaxe os debuxos Os Bolechas de Pepe Carreiro, ambos dous debuxantes colaboradores de A Nosa Terra.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río