Redacción . A economía chinesa creceu un 8,7 por cento no 2009, superando o obxectivo que se marcou de crecer por encima dos oito puntos, a pesar da crise financeira que azoutou o mundo.
Segundo informou hoxe o Buró Nacional de Estatísticas (BNE) da China en rolda de prensa, o valor acumulado do Produto Interior Bruto (PIB) entre xaneiro e decembro de 2009, alcanzou os 33,53 billóns de iuáns (4,91 billóns de dólares ou 3,47 billóns de euros).
Unha empregada bancaria coloca feixes de billetes de 100 iuans en Nanjing (China). .
Con esta cifra a economía chinesa, que no cuarto trimestre de 2009 creceu un 10,7 por cento, sitúase moi perto da xaponesa e a piques de superala para converterse na segunda economía mundial.
Ao final do ano, con todo, o índice de prezos do consumo volveu subir, un 1,9 por cento en decembro, tras ser amplamente negativo os meses precedentes. En todo 2009, foi de -0,7 por cento en cálculo anual.
"A economía nacional recuperouse e avanzou cara a unha dirección favorábel", declarou o comisionado do BNE, Ma Jianpang.
As exportacións caeron un 16 por cento
O comercio exterior foi de 2,20 billóns de dólares (1,56 billóns de euros), cunha caída do 13,9 por cento. Así, as exportacións situáronse en 1,20 billóns de dólares (0,85 billóns de euros), o que supón unha caída do 16 por cento, mentres que as importacións se situaron en 1 billón de dólares (0,7 billóns de euros), un descenso do 11,2 por cento.
Con todo, en decembro as exportacións aumentaron un 17,7 por cento, primeiro mes de crecemento positivo en cálculo anual desde outubro de 2008.
Respecto das vendas polo miúdo, principal indicador de consumo, foron de 12,53 billóns de iuáns (1,83 billóns de dólares ou 1.3 billóns de euros), un crecemento do 15,5 por cento. Doutra banda, a produción industrial creceu un 11 por cento, 1,9 puntos porcentuais menos que en 2008.
Descargar Tarifas