PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Manifestación ás 11h30 na Alameda de Compostela
Folga xeral no ensino contra o borrador do decreto

M. O. Máis de 35.000 docentes e de 250.000 estudantes están chamados hoxe á folga convocada pola plataforma cidadá Queremos Galego en contra das bases do decreto presentadas polo PP. Os datos que manexa a organización apuntan a un paro masivo no ensino non universitario do país. A maiores, o colectivo celebra unha manifestación con saída da Alameda de Santiago ás 11h30.

Reloxo 21.01.2010 | 07:00

Crianzas nun acto da Mesa pola Normalización Lingüística en Ferrol Crianzas nun acto da Mesa pola Normalización Lingüística en Ferrol. AGN

Alberte Núñez Feixóo afronta hoxe o primeiro gran pulso social desde que accedeu á Presidencia da Xunta e faino só co apoio do seu partido. Logo da gran resposta da sociedade na histórica manifestación do 18 de outubro en defensa da lingua, o líder do PPdeG ten sobre a mesa o paro xeral da comunidade educativa non universitaria como mostra do rexeitamento ás bases do decreto que regula o uso e promoción do galego no ensino.

Malia que a Xunta tentou desmobilizar o profesorado co envío dun resumo interesado do borrador, o portavoz de Queremos Galego, Fran Rei, prevé que a folga sexa “histórica”, “un éxito total”. E é que segundo os datos que manexa a plataforma –que integra máis de 600 entidades de toda Galiza– o seguimento en Infantil e en Primaria situarase ao redor do 80 por cento, mentres que na ESO e na Formación Profesional a porcentaxe será superior.

Tamén se prognostica masiva a manifestación convocada para as 11h30 na Alameda compostelá en contra do borrador. “Modificamos o itinerario da marcha, dado o forte incremento da participación que se agarda”, sinala Rei. “Desta vez, remataremos o percorrido na Praza do Obradoiro”, engade o portavoz da plataforma, que fretou máis de cen autobuses para a mobilización.

A manifestación partirá da Alameda e continuará pola Senra, Praza de Galiza, Doutor Teixeiro, Hórreo, Porta da Mámoa, Praza do Toural, Rúa Nova, Praza das Pratarías e Praza do Obradoiro. Ao termo do percorrido, persoas de diferentes ámbitos da comunidade educativa –ANPAS, estudantes e profesores– lerán o manifesto no que se lle reclamará á Xunta a retirada inmediata do borrador do decreto.

Dubidosa legalidade

Ademais de poder violar o Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística, o Plan Xeral de Normalización Lingüística e a Carta Europea de Lingua Minoritarias, o decreto que propón o PP pode ser inconstitucional. Así llo advertiron onte a Feixóo xuristas galegos. Baseándose en sentenzas do Tribunal Constitucional e mesmo do Supremo, avogados e xuíces proban que os pais só teñen dereito a decidir sobre o ensino moral e relixioso, pero nunca sobre a lingua.

Un borrador sen consenso

A falacia da imposición non lle está a dar os resultados esperados a Feixóo, que fica só na loita contra o galego. A meirande parte da comunidade educativa, e os partidos da oposición, ademais de todas as organizacións que abrangue a plataforma Queremos Galego desbotan as bases do decreto. Ao respaldo da CIG-Ensino –sindicato maioritario no sector– tanto ao paro como á manifestación sumáronse a STEG e, máis tarde, FETE-UGT e CC OO. Ademais, a ANPE –afín ao PP– rexeitou o rascuño.

Tamén se posicionaron en contra colectivos como Nova Escola Galega, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a Asociación de Pegagogos de Galicia ou a Federación de Centros Públicos. Cómpre sumar o apoio de entidades xuvenís. Os Comités, o Sindicato de Estudantes, Iesga, Agir, Galiza Nova, Xuventudes Socialistas, Foro da Mocidade, Esquerda Unida Mocidade ou a Mocidade pola Normalización Lingüística desbotan a proposta do PP, ao igual que formacións políticas como o BNG, o PsdeG, Terra Galega, a FPG ou Esquerda Unida.

A Coordinadora Galega de Equipas de Normalización Lingüística, a Coordinadora Traballadoras/es de Normalización Lingüística (CTNL), a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Internacional de Estudos Galegos, Galiza Non se Vende ou Irimia son outros colectivos que censuran a política lingüística do PP.

Tamén desbotan a proposta de decreto a Mesa pola Normalización Lingüística, Prolingua, Galego, Patrimonio da Humanidade e Galego Sempre Máis. Feixóo nin sequera conta co aprobado de entidades afíns, como a Mesa por la Libertad Lingüística ou Galicia Bilingüe, que reclamaron máis desgaleguización no ensino.

Con todo, a maior decepción para o Executivo de Feixóo veu do contundente informe publicado esta semana pola Real Academia Galega (RAG). Prevese que o Consello da Cultura Galega (CCG) –que xa adiantou o seu rexeitamento ao borrador– camiñe na mesma dirección. Mesmo as tres universidades adoptaron unha postura común na que piden a modificación das bases do decreto. Ademais, persoal docente, laboral e investigador da Universidade da Coruña (UdC) apoia a folga contra o borrador.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río