
Confraternización entre seareiros ourensáns e coruxistas no bar do Vao
Logo duns cantos días sen pasar pola taberna debido a causas de forza maior como a neve e a resaca do fútbol do novo ano, aquí estou outra vez. A rúa está escura, a xente que pasa por diante desta pequena porta camiña coa cabeza baixa, e o ambiente é bastante desalentador. Pero cando cruzo o limiar, agardando atopar un recuncho aínda máis escuro do que estaba o exterior, para poder consumir unha copiña de licor café con calma, cal é a miña sorpresa cando me atopo de fociños cunha comparsa de músicos que cantan cantigas populares da nosa terra, animados polas bebidas espirituosas que sirve o cantineiro na barra.
Nesa situación se atopaban hai poucos días as persoas que chegaban ao campo do Vao, en Coruxo, na procura dun lugar onde acollerse da nevarada que caía dende Vigo até Baiona.
E é que o bo do noso fútbol é precisamente iso, a relación entre os seareiros dos distintos equipos e o ambiente de cantina que se vive en todos os campos, afastado da suposta grandeza teatral de estadios coma o Santiago Bernabeu. Que mellor entretemento se pode atopar que ese de seguir ao teu equipo de fútbol polos campos da comunidade? Coñecer a forma de ser da xente, tan distinta entre a costa e o interior; coñecer a gastronomía, as distintas expresións coas que se dirixen en cada lugar aos árbitros e aos xogadores rivais, as rúas e vielas das vilas e cidades. E todo iso, por riba das condicións climatolóxicas; ben sexa con temporal ou con neve, con frío ou con calor, hai xente que todas as fins de semana seguen o seu equipo, alegrándose ou preocupándose polo resultado. E iso ten un valor infinitamente maior ao de ver os partidos do Barcelona ou do Madrid pola televisión.
Logo de visitar o Vao hai xa case dúas semanas, onde o churrasco, o viño e licor café correron a esgalla, entre o bar e cantina, paso previo para o encontro futbolístico (case o menos importante da festa), confraternizando cos indíxenas locais, como se aprecia na fotografía de arriba, esta fin de semana toca renderlle visita ao mellor campo, polo menos na miña opinión, da actual terceira galega, como é O Morrazo de Cangas. Alguén viu nalgún outro lugar un campo no que se poida ver o fútbol dende unha terraza con mesas e cadeiras dentro do propio recinto? E se o tempo acompaña, inmellorábel.
Vémonos por alí.
Descargar Tarifas