Redacción . Persoal laboral, docente e investigador da Universidade da Coruña (UDC) apoiarán este xoves o paro convocado no ensino contra o borrador do decreto do galego da Xunta con concentracións nos campus da Coruña e Ferrol, segundo informaron nun comunicado.
Nel, cualifican de "antigalego" o borrador de decreto da Xunta e aseguran que "de non mediar unha mobilización importante" o Executivo autonómico "acabará impondo" o citado documento. Así mesmo, defenden o "compromiso" da Universidade co galego e aseguran que dificilmente se manterá "se os que acceden aos estudos universitarios veñen con absolutas carencias idiomáticas e cun elevado rexeitamento do noso idioma". Ademais, anuncian a convocatoria de concentracións o próximo día 21, entre as 10h00 e as 10h15, nos campus de Ferrol e A Coruña, para que se visualice" a súa posición contraria a este borrador de decreto e o seu rexeitamento "ante un feito de tal magnitude e gravidade", sinalan en alusión ao contido deste documento. As concentracións celebraranse no campus de Esteiro, diante da Vicerrectoría, no campus de Serantes, diante da Escola Universitaria Politécnica, en Ferrol. Na Coruña serán no campus de Elviña, diante da Facultade de Socioloxía, no campus da Zapateira, diante da Escola Técnica Superior de Arquitectura, e no campus de Riazor, diante da Escola Técnica Superior de Náutica. Tamén haberá protestas na Facultade de Ciencias da Saúde, en INEF e diante do reitorado.
Facultade de Informática da UDC
Descargar Tarifas