Manuel Vilas . Pódese facer diñeiro ofrecendo gratis o principal produto e sendo premiado por tratar ben aos empregados? A compostelá imaxin|software demostra que é posíbel.
Cada día Opentrad, o tradutor automático que axudou a desenvolver, recibe máis de 26.000 visitas. Usalo é gratis –e melloralo tamén, pois é software libre– pero Imaxin cobra por adaptalo. Realidade aumentada e videoxogos Competir nalgo máis que no salario
Os catro socios fundadores de Imaxin Software
“O negocio está na personalización” explica Diego Vázquez, director de Mercadotecnia. Por exemplo, se ANT quixera publicar o seu portal automaticamente en inglés, Imaxin cobraríalle por introducir o tradutor no xestor do diario e por incorporar termos xornalísticos.
Opentrad facilita traducir entre galego, castelán, inglés e portugués. Existen outras combinacións nun total de 20 idiomas; incluídos francés, euskera, catalán e mesmo esperanto. Até 14 pares de linguas que se traducen con gran calidade. É produto da colaboración entre as universidades de Vigo, País Vasco, Alacante, Politécnica de Cataluña e a propia empresa Imaxin, Elhuyar (Euskadi), Eleka (Euskadi) e Prompsit (Alacante).
Con todo, as 24 persoas que comen de Imaxin non viven só de Opentrad. Traballan tamén en multimedia, con videoxogos educativos ou a chamada “realidade aumentada”, que engade datos informáticos a imaxes da contorna (fotografías do móbil, por exemplo). Imaxin tamén fai portais e programas, tarefas coas que catro enxeñeiros de informática comezaron en 1997.
Unha delas é Luz Castro, orgullosa de lograr o pioneiro galardón ao Mellor Ambiente Laboral que concedeu a patronal da Internet galega, EGANET, este mes en Santiago. “Ter xente implicada coa empresa é unha sorte e hai que tratala con cariño, nas empresas tecnolóxicas o que crea valor é o coñecemento das persoas, a súa innovación”, explica a responsábel de recursos humanos.
Algunha das melloras de Imaxin son, segundo Castro, horario flexíbel, cadaquén escolle o tempo para xantar; xornada reducida no verán; facilidades para os que teñen nenos; cociña na oficina; formación gratis impartida tanto por expertos como por compañeiros.
“Os traballadores están contentos pero Imaxin tamén, é unha forma poder competir con outras empresas, que ao mellor lles ofrecen máis salario pero non unha calidade laboral tan boa”, razoa Castro.
Precisamente a competencia entre empresas, galegas e de fóra, creou polémica na cerimonia dos EGANET. Alejandro Vázquez, da axencia 'La Nuestra Comunicación Publicitaria', recolleu o premio á mellor campaña na rede.
O tamén profesor asociado da Universidade de Santiago criticou no seu discurso que o “Xacobeo tivo o detalle de adxudicar a súa creatividade a unha compañía de fóra”. “Este país debe ter un pouco máis de orgullo de si mesmo”, argumentou o publicista ante varios directores xerais da Xunta, converténdose en altofalante do malestar na publicidade galega coa adxudicación da campaña xacobea á madrileña Ruíz Nicoli.
Dende EGANET reclamouse que a Xunta garanta que as firmas tecnolóxicas do país, normalmente PEMES, poden acceder aos grandes concursos. “Agora é o intre dun compromiso serio da administración”, concluíu dende o escenario un dos secretarios, Víctor López.
Luz Castro di que Imaxin sofre “dia a día” esta discriminación, pois “non existe igualdade de condicións” coas grandes firmas. “As grandes factorías de software de fóra preséntanse a macroconcursos aos que moitas firmas de aquí xa nin se poden presentar porque a administración esíxeche unha determinada categoría”, argumenta. A tamén vicepresidenta de EGANET lamenta que “é moi común que os traballos acábenos facendo empresas galegas porque ao final as grandes empresas de fóra subcontratan aquí”. Castro di que é un problema do actual Goberno, pero que tamén pasaba co bipartito.
Descargar Tarifas