Laudelino Pellitero . Neste ano a cifra de parados será en 60 millóns de persoas superior á do 2008. Os analistas dan por feito o aumento das revoltas sociais, en especial no sur de Asia e no centro de África
Laudelino Pellitero. Director do Instituto para a Proxección e Análise Internacional (IPAEX) Ningún país europeo está situado entre os 12 para os que se prevé maior crecemento no 2010. Tampouco ningún da ducia de privilexiados que medrará por riba do 6% pertence aos encadrados como desenvolvidos. Todos os prognósticos económicos coinciden en que o peor da tempestade xa pasou pero ninguén se atreve a negar que novas frontes borrascosas nos sobresalten neste principio de década. A anunciada calma nas bolsas, a estabilidade financeira ou o retorno á medra do PIB, non significarán a fin da destrución de emprego. Cando remate a crise 25 millóns de persoas que moraban nos países ricos terán perdido o emprego. A zona euro poderá encarreirarse no lixeiro crecemento do PIB pero as previsións para as taxas de desemprego aínda non son quen de ver a fin da focha. Se no 2009 as taxas foron do 10,1%, para o 2010 empoleiraranse na barra do 11%. Non menos de 57 millóns de europeos estarán sen emprego cando remate o ano. España pode superar o 20%, Irlanda o 15%, Polonia o 12%. Outros, como Francia, o Reino Unido, Suecia, Alemaña ou Hungría non baixarán do 10% A liña que separa os traballadores fixos dos temporais e precarios ou dos envolvidos na economía informal será máis intensa e impermeábel. Nesta subcategoría estarán atrapados colectivos maioritariamente formados por mozos, mulleres e membros das minorías étnicas. Escenario sombrío no que tamén conflúen centos de millóns de persoas que, morando en países nos que os augurios de crecemento presentan mellores perspectivas, non mellorarán a súa precaria capacidade adquisitiva. Risco de revoltas sociais Coa escalada do desemprego e da pobreza tamén aumentan os perigos de inestabilidades políticas ou levantamentos. Así o advertiu o director da Intelixencia Nacional dos EE UU, o almirante Dennis Blair, no seu relatorio diante do Senado. Advertencia na que concordan tanto dirixentes do FMI coma das Nacións Unidas, que formulan os riscos de estouridos sociais existentes durante o 2010. A unidade de investigación da revista L’Economist considera que en 78 países dos 166 analizados existe risco de revoltas sociais durante o 2010, dos que 22 os encadra dentro da categoría de risco moi elevado. Países maioritariamente situados no sur de Asia ou nas rexións centrais de África. Vivir con 1,5 euros ao día. No 2010 o planeta convivirá con 60 millóns de parados máis do que había no 2008. A esta cifra habería que engadirlles os 200 millóns de traballadores que a xuízo da Organización Internacional do Traballo, corren o risco de ver minguado o seu poder adquisitivo para traspasar o limiar da pobreza, engrosando os sectores que sobreviven con menos de 1,5 euros diarios. Aínda que unha redución salarial non sempre implica estourido social ou inestabilidade política, tamén é verdade que se converxen con desigualdades sociais e salariais, tensións étnicas, precarios servizos sociais, estruturación gremial, desconfianza na xestión gobernamental, sistemas políticos, etc, a súa vulnerabilidade aumenta exponencialmente. No 2010 a crise afástase dos que a provocaron, pero enquistase nas súas vítimas.
Parados nunha oficina de emprego.
Descargar Tarifas