Xan Carballa . Estaba chamado a ser a figura do goberno de Feixóo e preferiu permanecer no parlamento, onde levou o peso negociador da nova lei de caixas desde a súa responsabilidade como portavoz económico do PPdeG. Pedro Puy Fraga (Granada, 1962) foi electo deputado revelación polos xornalistas e entende que a fusión das caixas é posíbel se a auditoría de KPMG confirma os datos da Xunta, 'senón haberá que buscar outros camiños'.
Por que se fixo agora unha lei de caixas nova despois de tantos anos sen entrar a fondo nela? Por que non estaba incluída a modificación no programa electoral do PPdeG, en cuxa redacción vostede participou? A lei de caixas é de 1985 e tivo dúas modificacións. O cambio a fondo prodúcese pola muda no sistema financeiro e pola nova dimensión das caixas que se teñen expandido moito. Había que lexislar ante o novo marco no que operan e no programa estaba incluído cunha referencia moi actual, porque falabamos de que as caixas teñen un papel especial na crise económica ao permitir que o crédito circule e haxa liquidez no sistema. Daquela diciamos que estaban suxeitas á tensión recentralizadora, que procura sacarlle o carácter social, e que había unha presión que buscaba convertelas nunha especie de pequena banca pública. Nós apostamos por unha liña intermedia: pegadas ao territorio e solventes para operar nos mercados igual que os bancos. A lei reflicte esa dupla aposta, simplificada no lema de solvencia e galeguidade. Pero o feito de sumarse o PPdeG a unha proposición do BNG amosa unha certa improvisación. Podíase facer un proxecto de lei, abrir unha comisión parlamentaria como propuña o PSOE ou aceptar a tramitación do proxecto de lei do BNG. Isto último tiña dúas vantaxes, porque había un proceso de reestruturación impulsado polo Banco de España e a rapidez era necesaria en beneficio das propias caixas porque cuns órganos renovados permitíalles tomar decisións de longo prazo. Tamén era importante seguir ese procedemento porque facilitaba o consenso. Politicamente o asunto xa debería terse tratado antes das eleccións, tal como era a compoñente do factor exterior da crise, que era financeira, pero os responsábeis anteriores da consellería non deixaron nada feito. Agora foi case o único elemento de consenso das tres forzas políticas coa idea base de manter a dirección das caixas en Galicia e tomar medidas para conseguir que sexan solventes en beneficio dos clientes. Tomar como base un proxecto da oposición facilitaba o consenso. A ninguén se lle escapa que promover a fusión de caixas está detrás de todo este proceso e tal como se abordou parece mandarse a mensaxe de que as entidades de aforro galegas corren perigo de caír. Son temas distintos. A reforma faise por urxencia polo que antes dixen e porque as decisións que se vaian tomar nas próximas semanas e meses son para moitos anos. Pero a urxencia viña tamén porque o Banco de España marca un horizonte limitado para a reestruturación das entidades. A nova lei pode facilitar unha fusión cunha perspectiva autonómica e non local, pero tamén abre a posibilidade de que a Xunta teña capacidade de influír no sector noutros escenarios. Por exemplo, pode seguir a obra social de caixas con domicilio social fóra pero que traballan no noso territorio. Se nos quedásemos sen caixas con sede en Galicia, o que sería unha desgracia histórica, a Xunta tamén tería instrumentos para controlar as obras sociais epara autorizar un SIP ou eventuais fusións con entidades de fóra. A lei non garante que as caixas permanezan en Galicia? Non pode facelo. A decisión é das propias caixas, pero coa lei modificamos os organismos de goberno e poden ter presenza neles outros intereses, entre eles a realidade autonómica. Antes non estaba e agora si. O PPdeG é partidario da fusión das dúas caixas galegas? Cando accedemos ao goberno e se regula a norma do FROB, a Xunta entende que nun suposto da lei se invaden as competencias autonómicas e formulamos unha negociación co estado para derrogala ou presentar unha cuestión de constitucionalidade. Despois fixemos unha análise da situación das caixas por un organismo específico da Consellería de Facenda e froito dese traballo, soubemos que unha fusión era viábel financeiramente e xeraría unha entidade solvente. Cando as propias caixas recoñecen que non poden seguir soas no horizonte de un ano ou ano e medio, o presidente da Xunta apostou pola fusión. Pero foi despois de ter todos estes datos de viabilidade na man. Viábel si, pero necesaria? Porque tamén a suxerencia dunha “fusión paritaria” parece dicir que unha entidade está mellor que a outra aínda sendo máis cativa. Son dous escenarios posíbeis segundo as propias caixas manifestan. Outro é aliarse con entidades de fóra vía SIP, pero dada a dimensión pode perderse o domicilio social e o propio carácter social da entidade, porque como denunciou a CECA esíxese que eses SIP acaben na creación dun banco que marque as pautas e coordine as caixas que asinan o SIP. A outra opción é fusionar as caixas galegas, mantendo domicilio e carácter social. Nós apostamos por este camiño dado que non poden seguir en solitario no futuro, e esperamos que a auditoría que se encargou confirme a viabilidade que ditaminou Facenda. Se non a confirmase habería que refacer as cousas, pero se os datos obtidos por Facenda foron reais a fusión debe ser posíbel. Mesmo con fusión non se impide que outra entidade, por exemplo Caja Madrid, intente controlar a nova caixa galega. Estaríamos a falar dun medio prazo pero unha caixa de máis dimensión tería garantida a viabilidade a moitos anos. As sedes son un problema? Sería un paso seguinte e non está agora sobre a mesa. Por iso a paridade é importante e non deriva de que unha estea ben e outra non, senón que estas decisións política e financeiramente non poden ser vistas como unha absorción. Ademais serán as propias caixas as que decidan eventuais repartos de sedes. No escenario futuro das caixas galegas, xuntas ou por separado, os cartos do FROB poden ser unha pedra ao pescozo? É un préstamo peculiar, tanto polo prazo de devolución como polas súas condicións financeiras. A finalidade deses cartos é mellorar as contas das entidades. Poden condicionar os resultados nos 5/7 anos nos que hai que devolver os cartos, pero sanea os balances e garanten que o resultado do uso do FROB, que o concede o Banco de España, produza unha entidade solvente. No universo do PP hai quen fala de que a lei é intervencionista Nós entendemos por intervencionismo que as decisións dos xestores económicos son tomadas polos axentes políticos e a lei é o contrario, porque incorpora o mandato expreso de que os membros dos órganos de goberno só responden aos intereses dos clientes, do territorio no que operan e da propia entidade financeira. Da crise financeira o que aprendemos é que tiñamos que mellorar os instrumentos de supervisión do poder político, a Xunta neste caso, sobre as entidades que operan en Galicia, pero iso non é intervencionismo. Autorizar investimentos de determinado volume, que podan poñer en perigo as entidades, tampouco o é. Na lei anterior era unha opción ese control, agora é unha obriga en defensa dos intereses dos clientes das caixas. Supervisión e intervención son cousas diferentes. Cristobal Montoro ou o Banco de España di que prefiren fusións intercomunitarias, o PPdeG non o comparte? Non, e iso demostra a nosa independencia dos criterios da rúa Génova. Pero iría máis alá: isto é a proba do funcionamento do estado autonómico, no que se elixen uns representantes nas Cortes e outros nos parlamentos autonómicos e poden haber distintas posturas. O Banco de España fai as súas propostas só tendo en conta o factor da solvencia das entidades financeiras e para evitar intervencións futuras, pero tamén o Banco de España debe entender que as caixas son entidades peculiares, propiedade dos cidadáns que as crearon cos seus depósitos, no noso caso con alicerces fortes na emigración. Pero o Banco de España non debería poñer atrancos se se presenta un proxecto de entidade solvente e viábel. Nesa liña vostede ten falado en 2007 de que se debía camiñar, no económico, cara un estado federal, un concepto que non é moi grato ao PP. Pode ser un asunto terminolóxico, pero quizais haxa menos discrepancias no PP ca no PSOE. O único intento institucional serio de modificar o estado autonómico foi cando Zapatero lle encargou ao Consello de Estado un informe sobre a reforma da Constitución. Ese informe tendía cara á federalización de España, entre outras cousas pechando o número de comunidades autónomas, establecendo igualdade entre as capacidades autonómicas, marcando as competencias exclusivas que debe administrar o estado. O PP recibiu o documento con satisfacción como base para reformar a Constitución pero Zapatero non volveu falar dese informe. Os camiños para a federalización –reforma do Senado, operatividade da Conferencia de Presidentes ou participación das comunidades nas decisións europeas– non atopan obstáculo no PP, o problema está nos partidos nacionalistas, que non ven a España como un estado federal, senón que procuran unha asimetría competencial en función de características propias.
Pedro Puy Fraga.
As eleccións foron en marzo e xa teñen uns orzamentos propios para 2010. A partir de cando os cidadáns poden pedirlle contas ao PP polas cifras do paro?
A cidadanía ten o dereito sempre de reclamarlle aos poderes públicos responsabilidades polas súas actuacións desde o día seguinte da toma de posesión. É a esencia da democracia. Pero é verdade que a política orzamentaria económica xa a aplicamos desde o primeiro momento coa corrección das previsións irreais que tiña o goberno anterior. Agora temos que xestionar o 2010, que é o ano máis complicado de todos. As medidas da Xunta son máis correctas que as do Estado e temos o problema, fracasado, na Conferencia de Presidentes, de coordinar as políticas económicas. A austeridade e o rigor orzamentario que predicamos na campaña electoral úsanos agora os responsábeis de facenda en Madrid. Dito isto, o paro en Galicia depende moito das políticas da Xunta e algunhas medidas empézanse a notar pero outras dependen do Estado.
Dicíase que con Fraga no poder o PP de Madrid non pintaba na política galega. Pero agora, a conta da lingua e o novo decreto que propoñen, desde Madrid chégase a afirmar que 'finalizan 25 anos de imposición do galego', o que inclúe os 16 anos do período Fraga.
Esa é unha afirmación falsa e non existiu en ningún momento, tamén porque a situación da lingua é diferente, tamén porque circunstancias negativas como a emigración produciron unha cohesión social e unha situación diferente á doutras nacionalidades con lingua propia. Por iso non temos un forte conflito lingüístico e si un conflito político, e hai os que prefiren que o galego sexa a lingua única de uso ordinario, e os que falando dunha “liberdade absoluta” queren que o galego desapareza. No medio desas dúas posturas está o equilibrio, e ambas as dúas linguas que aquí falamos deben ter garantida a súa presenza no ensino, porque non hai liberdade a exercer se non hai dominio pleno de ambas as dúas. Aínda así neste tema creo que hai un grande erro histórico desde as posturas maximalistas do nacionalismo de ambas e dúas partes. Non entendo que se poda dicir que o galego non é unha lingua española, porque é un entendemento monolítico da realidade que non admite a pluralidade de expresións culturais e lingüísticas diferentes que moitos entendemos que son tan españolas como o propio castelán. Non se entendeu así tampouco por quen levou o ministerio de Cultura que centrou a promoción das linguas españolas no estranxeiro só nunha delas, pero tamén por parte dalgún goberno autonómico que non quixo ver que xunto á lingua propia do territorio hai un ámbito cultural común que todos axudaron a crear. Isto é un erro histórico de ambas as dúas partes.
Se un deses extremos que vostede sinala o representan os nacionalismos galego, vasco ou catalán, onde se ubica o outro? Repárteo entre PP e PSOE?
Hai sectores que non son propios de ningún partido, que están en foros, en prensa e son militantes dos partidos de dimensión estatal. Leo esas posicións na prensa entre intelectuais independentes e membros de diversos partidos.l
Descargar Tarifas