Redacción . A asociación para a conservación e estudo do lobo ibérico Ascel e Verdegaia veñen de presentar alegacións ao parque eólico no alto do Rodicio promovida por Iberdrola e declarado 'incomprensibelmente viábel' pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta.
Segundo denuncian os colectivos, o proxecto emprazaríase nunha zona frecuentada polas águias reais, especie catalogada en perigo de extinción. Diferentes estudos demostraron que os parques eólicos poden inducir até o 42 por cento da mortaldade anual desta rapaz ameazada. Nun comunicado, Ascel e Verdegaia advirten de que outras especies como o bufo real, a perdiz, o sapiño pintoxo, o furafollas, o morcego de ferradura pequeno, o morcego grande de ferradura, a rata de auga e o armiño –todas elas no catálogo de especies ameazadas– foron obviadas no estudo de impacto ambiental. Tamén se vería afectado o lobo ibérico, xa que “a instalación dos aeroxeradores se colocarían na área de campo dun grupo reprodutor, ameazando a viabilidade e utilización dunha zona de encame e reprodución a curto prazo”, sinalan. “A proliferación de parques eólicos en áreas de lobos está a supor unha terríbel perda de hábitat para a especie, que pode ocasionar o abandono de parideiras tradicionais e irrecuperábeis e a avaliación de impacto ambiental do proxecto nin sequera menciona a presenza do lobo na área de estudo”, denuncian as asociacións. Prexuízos ao medio Por outra banda, os colectivos critican que “volve a suceder a fragmentación dun macro proxecto eólico noutros máis pequenos para facilitar de maneira premeditada os trámites ambientais e tamén para poder optar á prima eléctrica máis favorábel”. Por último, Verdegaia e Ascel lembran que Galiza “ten pendente unha ampliación da Rede Natura 2000” e que “actualmente máis do 41 por cento do negocio eólico se sitúa xa nesa rede de espazos supostamente protexidos causándolles serios prexuízos ao noso medio natural”.
Aeroxenerador
Descargar Tarifas