Redacción . O Museo de Arte Contemporánea de Vigo, MARCO, xa ten pechada a súa programación para este ano. No avance das exposicións para os próximos meses destacan as individuais de fotografía da alemá Candida Höfer e o galego Virxilio Viéitez en febreiro e outubro respectivamente. 'Cousas que só un artista pode facer' é a mostra colectiva coa que arranca a programación o 29 de xaneiro neste centro.
Entre finais deste mes e principios de febreiro o MARCO inaugura as dúas primeiras exposicións do ano: Cousas que só un artista pode facer (29 de xaneiro ao 2 de maio) sobre a presenza do humor na arte actual; e o proxecto de Jose Dávila no Espazo Anexo (5 febreiro-2 de maio), co que culmina o ciclo Puntos de encontro/Meeting Points, centrado no diálogo entre o espazo de exhibición e o seu contexto máis inmediato.
Fotografía de Candida Höfer tomada en Alemana en 1968..
O MARCO acollerá ente o 26 de febreiro e o 23 de maio a primeira retrospectiva da fotógrafa alemá Candida Höfer no Estado. Trátase dunha selección da obra dunha das máis importantes representantes da Escola de Düsseldorf na que se inclúen proxectos da autora fotografados entre 1968 e 2008 baixo o título Projects: Done.
Na primavera está prevista a exposición do proxecto gañador para novos comisarios do Premio MARCO/FRAC Lorraine (14 de maio ao 29 de agosto), Cando a póla rompe e a da Colección CGAC con obras dos fondos do Centro Galego de Arte Contemporánea.
No verán o Espazo Anexo das instalacións do MARCO acollerán Proxecto Hotel, unha proposta do artista Michael Lin e RVR Arquitectos sobre os novos usos dos espazos nunha data por concretar.
Virxilio Viéitez
Para o outono o MARCO acollerá unha mostra comisariada por Enrica Viganò, especialista en fotografía histórica, do fotógrafo de Soutelo de Montes, Virxilio Viéitez, finado en 2008, con obras xa coñecidas e inéditas deste importante fotógrafo da realidade galega. Esta mostra, que logo de estar en Vigo viaxará a Madrid, estará aberta do 1 de outubro a febreiro de 2011.
Precedendo a esta exposición estará Máis que vida, unha coprodución do MARCO e a Fundação Calouste Gulbenkian de Lisboa cunha revisión dos traballos de Vasco Araújo e Javier Téllez (10 de setembro ao 9 de xaneiro de 2011).
Descargar Tarifas