Redacción . A variación interanual do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) en Galiza situouse no 0,9 por cento ao pechar o ano 2009. Con este rexistro, o nivel de prezos respecto do exercicio anterior situouse unha décima por riba da media do conxunto do Estado (0,8 por cento).
Así o reflicten os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estadística (INE), que recollen que o IPC permaneceu invariábel en decembro en termos intermensuais, tanto en Galiza coma no conxunto do Estado. Galiza, entre as autonomías co IPC máis alto O avance dos prezos no 2009 sitúa a Galiza entre as cinco comunidades autónomas que experimentaron as taxas máis elevadas de inflación, tras Catalunya ( 1,2 por cento), Euskadi ( 1,0 por cento), Cantabria ( 1,0 por cento) e Madrid ( 0,9 por cento).
Marcas blancas no supermercado.
Na evolución por capítulos, os grupos que tiveron un comportamento menos inflacionista en decembro foron ‘Vestido e calzado’ (-1,2 por cento), ‘Transporte’ onde os prezos decreceron un -0,5 por cento e ‘Medicina’ (-0,1 por cento). Por outra banda, o grupo cunha maior suba dos prezos foi o de ‘Ocio e cultura’ (1,1 por cento).
Na evolución interanual, os grupos que rexistraron unha maior caída do IPC foron ‘Vestido e calzado’ (-0,9 por cento); ‘Medicina’ (-0,7 por cento), ‘Ocio e cultura’ (-0,6 por cento) e ‘Comunicacións’ onde os prezos decreceron un -0,3 por cento. Pola contra, os grupos que presentan unha maior suba son ‘Bebidas alcohólicas e tabaco’ (11,3 por cento); ‘Transporte’ (4,1 por cento) e ‘Ensino’ (2,6 por cento).
Índices provinciais
En relación cos índices provinciais, as únicas provincias que mostran unha baixada dos prezos en termos intermensuais son Ourense e Pontevedra, onde decreceron en decembro un –0,3 por cento e un –0,1 por cento respectivamente. No que a variación interanual se refire, todas as provincias viron incrementados os prezos, sendo menos acusada a subida en Ourense (0,5 por cento).
No conxunto do Estado, o IPC estancouse no mes decembro e a taxa interanual pechou 2009 no 0,8 por cento, a cifra máis baixa que se anotou ao peche dun exercicio desde 1962, primeiro o ano do que se dispón datos. Desta forma, a inflación pechou no seu mínimo histórico dun mes de decembro un ano no que chegou a rexistrar oito meses consecutivos de descensos entre marzo e xullo, cando logrou tocar chan ao rexistrar unha caída do 1,4 por cento.
Descargar Tarifas