Redacción . O Centro Dramático Galego (CDG) estrea este venres no Salón Teatro de Santiago a obra de Roberto Vidal Bolaño 'As actas escuras'. A montaxe, dirixida por Xúlio Lago, estará en Santiago até o 7 de febreiro. Logo iniciará unha xira por Galiza.
A estrea será este venres, 15 de xaneiro, ás 21h00 no Salón Teatro de Santiago. A compañía pública de teatro sobe ao escenario coa obra de Roberto Vidal Bolaño montada por vez primeira polo director Xúlio Lago e dun elenco integrado por 14 recoñecidos actores e actrices. A recuperación deste texto 18 anos despois da súa escrita supón todo un fito no actual panorama escénico galego, achegando finalmente aos espectadores este gran drama sobre a ocultación da verdade e o sentido da ética no que se reflicten tanto a forza simbólica como o espírito crítico característicos de Vidal Bolaño, un dos grandes nomes do teatro galego contemporáneo. Espectáculo O espectáculo co que a compañía publica inaugura a súa programación de 2010 foi presentado hoxe polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, quen recoñeceu a "valentía escénica" de Xúlio Lago á fronte desta primeira posta en escena de As actas escuras, obra de gran complexidade artístico-técnica que o director titular da compañía Teatro do Atlántico asumiu desde á fidelidade ao texto orixinal e á visión do teatro que tiña o propio autor, falecido en 2002. Na presentación tamén estiveron presentes o director da AGADIC, Juan Carlos Fernández Fasero, o director Xúlio Lago e os actores Xosé Manuel Olveira "Pico" e Ricardo de Barreiro, en representación dun elenco que completan César Cambeiro, Ursia Gago, Jouse García, Mónica García, Teté García, César Goldi, Xoán Carlos Mejuto, Fernando Morán, Rodrigo Roel, Pepe Soto, Agustín Vega e Marcos Viéitez. Estes 14 intérpretes -moitos dos cales tiveron a oportunidade de traballar baixo as ordes de Vidal Bolaño en diferentes espectáculos- encarnan os trinta personaxes ideados polo autor para desenvolver esta trama, centrada nunha investigación sobre o redescubrimento dos restos do Apóstolo na Compostela da segunda metade do século XIX. Obra premiada A obra, gañadora do Premio Xacobeo de Textos Teatrais en 1992 e publicada trece anos despois polo Concello de Santiago e A Nosa Terra Edicións, comeza coa chegada a Compostela do monxe dominico Don Mauro, quen a petición do cardeal Payá e Rico, máxima autoridade eclesiástica da cidade, debe avalar co seu prestixio como arqueólogo a veracidade dos ósos soterrados na catedral. Don Mauro terá que redactar un informe co resultado das súas investigacións, que será enviado a Roma para ser ratificado polo Papa León XIII. Para esta tarefa, viaxa acompañado do seu sobriño Casiano, mozo librepensador, licenciado en Xeografía e Historia, que no seu afán por buscar a verdade dende postulados científicos, causará certas reticencias tanto nos numerosos cóengos catedralicios como noutros representantes da curia eclesiástica.
Escena de 'As actas escuras' do director Xúlio Lago.
As actas escuras representarase ata o domingo 7 de febreiro no Salón Teatro, onde ofrecerá cinco pases semanais: os venres e sábados ás 20.30 horas e os domingos ás 18.00 horas terán lugar as funcións para público xeral, mentres que as representacións concertadas con centros de ensino celebraranse os mércores e xoves ás 10.30 horas.
A continuación, o CDG iniciará unha xira que levará este espectáculo a outros sete concellos galegos ata completar unha trintena de funcións no mes de abril: Pazo da Cultura de Narón (19 e 20 de febreiro), Teatro Lauro Olmo do Barco (26 de febreiro), Teatro Municipal Área Panorámica de Tui (5 de marzo), Centro Cultural Caixanova de Vigo (17 de marzo), Teatro Rosalía da Coruña (19 e 20 de marzo), Teatro Principal de Ourense (27 e 28 de marzo) e Teatro Jofre de Ferrol (3 de abril).
Descargar Tarifas